Ravella abre o prazo para anotarse no desfile de carrozas

Ravella abre o prazo para anotarse no desfile de carrozas
Un participante no desfile do ano pasado I MÓNICA FERREIRÓS

A Concellería de Cultura abre o mércores, 26 de xullo, o prazo de inscrición para participar nas carrozas do tradicional desfile co que rematarán as festas patronais de San Roque, o domingo 20 de agosto. A convocatoria destínase a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos que deberán ir vestidos de acorde coa temática que se lle dea a cada vehículo. Disponse de 42 prazas e o prazo de inscrición remata o 7 de agosto.

No desfile tomarán parte un total de oito carrozas, cinco das cales destínanse a outros tantos colectivos sociais e culturais do municipio. A rapazada inscrita distribuirase entre os tres vehículos que o Concello se reserva para uso propio co obxectivo de que calquera neno ou nena que o desexe poida participar na actividade, independentemente de que pertenza ou non a algunha das asociacións que dispoñen de carroza. Como manda a tradición, a batalla de flores celebrarase a partir das 21.30 horas do último domingo das festas de San Roque, que este ano será o día 20 de agosto.

O formulario para anotarse está dispoñible no taboleiro de anuncios da web municipal www.vilagarcia.gal e na sede electrónica sede@vilagarcia.gal . As solicitudes poden presentarse telematicamente a través da sede ou presencialmente no Rexistro Xeral do Concello de luns a venres en horario de 8.30 a 13.45 horas.

A concesión das prazas farase por rigorosa orde de inscrición e, unha vez cubertas as 42 dispoñibles, formarase unha lista de agarda, tamén por orde de anotación, á que se recorrerá en caso de producirse baixas. A lista co nome das persoas admitidas publicarase o día 11 de agosto. A lista poderá consultarse no taboleiro de anuncios da web municipal e no da sede electrónica do Concello.

Ravella abre o prazo para anotarse no desfile de carrozas

Te puede interesar