A Revenidas faltáballe por desvelar outro dos seus pratos fortes: os concertos a bordo pola Ría. Así pois estas experiencias musicais con degustación serán o sábado 10 e o domingo 11. O primeiro con Antía Muíño con saída ás 13 horas, o segundo con Xabier Díaz ás 15 horas e o terceiro a cargo de Grande Amore ás 17. O domingo os protagonistas destes bocados musicais son Guadi galego á unha da tarde, Boyanka Kostova ás tres e Cardalda e Dopico ás cinco. O prezo da entrada para cada unha das actuacións é de 30 euros e inclúe degustación de produtos do mar e bebida. As entradas poden adquirirse a través da web a partir do mércores.
Roteiro con Xurxo Souto
Co Revenidas volve tamén o roteiro “Redescubre Vilaxoán” guiado por Xurxo Souto. Como é habitual o cantante e escritor realizará unha visita musicada polos lugares emblemáticos da vila mariñeira. O roteiro partirá ás 10:30 horas do sábado e a asistencia ao mesmo é gratuíta. Iso si, é preciso facer a inscripción previa dende a web tamén a partir deste mércores. Cabe recordar ademais que a venda de abonos e entradas para o festival está activa na web ou nas redes sociais de Revenidas.
Esta cita vilaxoanesa celebrarase os días 7,8,9,10 e 11 de setembro con concertos, actividades variadas e a gran sardiñada popular o último día. Esta será no parque de Dona Concha, que se abrirá de forma totalmente gratuíta para todos aqueles que queiran achegarse á celebración. A sardiñada empezará á unha do mediodía. Previamente á mesma haberá animación a cargo de Louband e un espectáculo teatral. Pola tarde nese mesmo lugar será a gran Gala de Circo e despois os concertos de Caamaño & Ameixeiras, Sés e Ortiga. Todas as actuacións serán de balde.
É de destacar que polo escenario dos cinco días que dura o festival Revenidas pasarán artistas como La Pegatina, Baiuca, Tanxugueiras, Boyanka Kostova, A banda da loba, Dakidarría ou Talco entre outros.