Un soño do que nunca despertar: A revolución que se baila nas rúas

Un soño do que nunca despertar: A revolución que se baila nas rúas
Algunhas das socias máis activas de O Soño de Lilith, unha asociación que cumpre dez anos loitando | gonzalo salgado

Érase unha vez, nun lugar non tan lonxano, un grupo de mulleres que querían bailar xuntas. Moitas aínda non se coñecían, pero xa sabían que os pasos do baile que querían dar: Os da revolución feminista. Así naceu un soño. O Soño de Lilith.


Nun día destes, as actas din que o 7 de marzo, cumpriranse dez anos daquel momento. Unha das súas fundadoras, Daisy Alcalde, recorda que por entón estudiaba en Pontevedra e que, cada vez que alguén facía algún comentario machista, as cabezas xirábanse cara a ela. Daquela necesidade de cambiar o rumbo e tamén a loita feminista, naceu unha asociación que desde o primeiro momento amosou un modo diferente de facer as cousas. Non foron uns inicios sinxelos.


“Agora dicir que eres feminista é, entre comiñas, máis fácil”, explican desde O Soño. Sitúan o punto de inflexión en 2018, cando as manifestacións do 8M alcanzaron descomunais cifras de asistencia. En Galicia, a unitaria foi en Vigo, con imaxes de rúas ateigadas, moi diferentes ás doutros anos. Incluso en Vilagarcía, a chuvia non impediu unha marea de xente. “O tema da Manada eu penso que impactou moito”, explican desde a asociación, que tamén considera que a proposta de Gallardón de levar o aborto a niveis lexislativos de antes de “Cuéntame” tivo moito que ver coa eclosión do feminismo.


Proxectos e avances

Iso si, o movemento feminista cambiou moito desde que aquel Soño comenzou a desperezarse. En 2015, a asociación xa estaba sobre todo centrada en Vilagarcía pero, nas viaxes en autobús para marchas provinciais ou autonómicas, Daisy seguía a ser “a nena”. “Cando empezou O Soño, no movemento feminista a media de idade era de 50 ou 60 anos”, explican. A día de hoxe, son moitos os mozos que se reivindican como feministas. Tamén nos colexios e institutos. Así o perciben moitas delas, que son educadoras e ven como os mozos asumen con naturalidade loitas que todavía hai que defender na rúa e, ao mesmo tempo, plantéxanse cuestión que “a nós non se nos ocurrían á súa idade”.


É a cara boa dunhas redes sociais que, paralelamente, expanden sen control os discursos do odio e a estigmatización do feminismo. “Notouse moito na pandemia”, explican desde O Soño, que viviron como se criticaba a súa marcha do 8 de marzo de 2021 mentras, “antes e despois e con peores datos”, celebrabánse outras protestas, exentas da responsabilidade dos contaxios.


E é que nestos dez anos tamén houbo “disgustos”. Os discursos que negan o machismo chegaron aos parlamentos. Pero desde O Soño non ven unha “involución”, senón unha reacción aos avances do feminismo.


Agora son conscientes de que toca recuperar a rúa e loitar, tamén, contra o virus da desmobilización. O próximo domingo comenzarán os actos do Día da Muller, cun café feminista adicado aos coidados, no que esperan contar con traballadoras do SAF. Xa o día 8, haberá manifestación ás oito e media da tarde. O 26 continuarán as actividades, cun Escape Room cargado de enigmas sobre a igualdade e, un día antes ,asistirán á proxección de “Eu tamén necesito amar”, do Faiado da Memoria.


Ao longo destes dez anos, O Soño foi crecendo, ata chegar ás case medio centenar de socias. Ademais de Vilagarcía, O Grove é outro dos núcleos activos do colectivo. Charlas, formacións, protestas, colaboracións, proxeccións... Son moitos os recordos de toda unha década de pasos pola igualdade. Cos cafés feministas, que agora retoman, abórdanse tamén as cuestións máis complicadas. Porque no feminismo tamén se pode disentir sen dramas, sen ter que rachar con todo. Aínda que ás veces non o pareza. “Eu penso que temos unha forma de debatir todavía moi patriarcal”, apuntan. Contra iso tamén se rebela O Soño do Lilith. Por iso, a “filla” dos seus ollos é a Festivala, que nace para cubrir a falta de mulleres como cabezas de carteis e que, desde 2016, xoga un papel moi importante como dinamizadora da cultura local. Pero que tamén cumpre con aquela máxima de Emma Goldan. “Se non podo bailar, a túa revolución non me interesa”. Porque a alegría sempre será revolucionaria.

Un soño do que nunca despertar: A revolución que se baila nas rúas

Te puede interesar