De Vacas, Bolboreta e Noite Fechada súmanse ao cartel de Revenidas 2017

De Vacas, Bolboreta e Noite Fechada súmanse ao cartel de Revenidas 2017
Revenidas encherá de cor, música e espectáculo Vilaxoán | g. salgado

Xa está. A organización de Revenidas 2017 xa ten pechado o cartel de concertos e actividades para o festival que se celebrará os días 18, 19 e 20 de agosto en Vilaxoán. O coñecido como o Festival das Linguas incorpora ao seu cartel a De Vacas, Bolboreta, Pupil.les, Voodoo, Noite Fechada, O Leo i Arremecághona, DJ Pimp, Galifunk Brass, Bloquinho Aperta e tamén o toque local dos Terribles de Arousa e La Duendeneta.


En total suman 26 as propostas musicais repartidas en tres xornadas frenéticas nas que tamén se subirán ao escenario os xa anunciados Terbutalina, La Pegatina, Skindred, Bohemian Betyars ou Riot Propaganda entre outros.
Revenidas caracterízase por ser un dos festivais máis internacionais. De feito as bandas que estarán na zona portuaria vilaxoanesa proceden de Galicia, Asturias, Madrid, Valencia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Madrid, Arxentina, Hungría ou Estados Unidos. Á diversidade de nacionalidades súmaselle a heteroxeneidade dos estilos tales como balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hip-hop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou música electrónica.


Venda de abonos
A venda de abonos para o Revenidas deste ano está activada dende a web www.revenidas.com. O prezo é de 35 euros os tres días. En taquilla este subirá a 45. Do mesmo xeito tamén se habilitará a venda de entradas por día a un prezo de 20 euros. Nos vindeiros días haberá puntos físicos para adquirir os tiquets nas catro provincias galegas.


Predomina o feminino
As voces femininas son a tónica predominante nesta nova edición do Revenidas. De feito as mulleres son as caras de grupos como Bolboreta, De Vacas ou Pupil.les, así como Voodoo.
Bolboreta presentará un directo no que o fío condutor é a mensaxe das cancións. As versións que tocarán sobre o escenario van dende o tradicional “Túa nai é meiga” ata o reggae de Bob Marley.
Pola súa banda De Vacas é un cuarteto musical formado opr unha guitarra e tres voces femininas que fan versións de grandes temas “venerados polas masas e maltratados pola historia” de grupos tales como Spice Girls pasando por Enrique Inglesias ou Michel Teló. A de Pupil.les será a primeira actuación da banda en Galicia coa pretensión de inundar Vilaxoán do feminismo máis loitador, rebelde e festivo.


A música de Voodoo encherá de maxia o festival.
A maiores, e chegados de terras arousáns, tamén estarán no escenario de Vilaxoán os rapaces de Noite Fechada coas súas letras máis irreverentes e cun ritmo sobre o escenario que fará saltar aos que estean na primera e tamén na última fila. Os motores están a punto e a conta atrás para o Revenidas está en marcha.

De Vacas, Bolboreta e Noite Fechada súmanse ao cartel de Revenidas 2017

Te puede interesar