Veciños da Laxe sofren ratas, bechos e maleza descontrolada na zona do río

Veciños da Laxe sofren ratas, bechos  e maleza descontrolada na zona do río
A maleza invade por completo o cauce do río que pasa pola zona da Laxe | gonzalo salgado

Ratas, serpes e diferentes bechos conviven entre a maleza que agocha case por completo o río na zona da Laxe. Os veciños do lugar están fartos dunha situación que levan meses sufrindo e para a que –alomenos de momento– ninguén lles ten dado unha solución. Sinalan os afectados que se presentaron varios escritos no Concello e que se falou con responsables do goberno local para que actuasen no cauce fluvial que é o mesmo que discorre máis abaixo polo Parque da Coca. “Alí está todo limpísimo, perfecto. Por que máis arriba non?”, pregúntase unha das veciñas do lugar. De feito lamentan que “se nos diga que é unha zona medioambientalmente protexida, que depende doutras administracións, pero que a só poucos metros se actúe e nesta zona non”.

A cuestión é que a altura da maleza golpea xa dende hai semanas as fachadas e fiestras dalgunhas das vivendas afectadas. Ademais –explican os veciños– a auga está exercendo un efecto de erosión na vexetación dos marxes do cauce fluvial e as raíces das árbores están perfectamente á luz. “Ademais hai quen tira restos de podas e demais ao río. Xa o temos denunciado ante o Concello, pero aquí non aparece ninguén”, explican os afectados.

O certo é que esta foi unha das zonas máis afectadas nas riadas do ano 2006 nas que a auga do regato desbordou e chegou ao interior de varias vivendas. Daquela o río tampouco estaba o limpo que os veciños desexarían que estivera. “Hai ratas, serpes e demais, pero incluso iso xa parece o que menos nos importa. Queremos que limpen adecuadamente o río e que aquelo quede decente”, replican os afectados.

A realidade é que apenas é perceptible o cauce fluvial na Laxe, pero si a altísima maleza que chega aos patios das casas que hai xusto ao lado. Nin sequera é posible definir a amplitude do río porque está practicamente invadido por malas herbas e por especies arbóreas. 

Veciños da Laxe sofren ratas, bechos e maleza descontrolada na zona do río

Te puede interesar