cerimonia oficial de entrega de bandeiras azuis celebrada en Montalvo (Sanxenxo) vén a evidenciar a aposta que Galicia fai polo medio ambiente e o turismo sostible. As comarcas arousás en xeral e o concello de Sanxenxo, en particular, son un claro exemplo da vocación superior dos galegos por conservar e potenciar o noso medio natural con fins conservacionistas, pero tamén con claros intereses de promoción económica e de desenrolo sostible do turismo de sol e praia.
Este ano os areais, portos e sendeiros arousáns recibiron 40 distintivos azuis (catro máis que na edición anterior) dos cales 14 foron a parar a praias do concello de Sanxenxo, o máximo de toda España, e 7 a areais do Barbanza baixo a xeodenominación de Arousa Norte promociónanse como destino turístico específico en tódolos foros especializados do sector captando, con gran acerto, visitantes.
No acto oficial, Núñez Feijóo insistía tamén na necesidade de harmonizar a aposta pola “Galicia verde” sen esquecer a “Galicia azul” que representan os case 1.500 quilómetros de costa cos seus areais e espazos portuarios de especial interese. O potencial natural que ten a nosa Comunidade Autónoma ten que ir da man de procesos de promoción, coidado e posta en valor dos distintos elementos que a fan única e imprescindible no mundo.
O recoñecemento que ano a ano fai ADEAC, organismo europeo encargado de concede-las bandeiras azuis, vén a refrendar o traballo ben feito e a aposta decidida de futuro por un turismo acorde coas demandas non so do consumidor interior senón tamén o foráneo que cada vez se achega máis ata Arousa para buscar ese sol e praia, pero tamén en consonancia coa Galicia Verde, as súas paisaxes, monumentos arquitectónicos, etnografía, gastronomía e tamén o enoturismo e o turismo de experiencias que cada vez gaña máis adeptos con medio-alto poder adquisitivo, que é o que interesa.
Contar cun distintivo destas características non so é un recoñecemento internacional senón que é un auténtico marchamo de calidade e unha aporta aberta á responsabilidade e á imaxe exterior de Galicia desde o lado da excelencia tendo en conta que obter unha bandeira azul vai precedido dun procedemento exhaustivo e riguroso que examina á praia en cuestión desde o punto de vista da calidade das súas augas ata a accesibilidade que presenta, pasando por toda unha serie de cuestións que resultan definitorias e excluíntes para moitos areais que non os cumpren. Polo tanto, pese a que algúns concellos non o consideren así, contar coa excelencia dunha bandeira azul é un privilexio que hai que agradecer, defender e promocionar como feito diferencial da nosa “Arousa calidade”, ou non?