A noticia da aparición dunha serie de pintadas desafortundas na parte baixa da escalinata que dá acceso á catedral de Santiago de Compostela volve por de actualidade o desapego que algúns individuos teñen polo patrimonio común da humanidade e o respecto polo legado cultural que obras arquitectónicas como esta representan para o pobo galego e para o mundo en xeral.
Hai quen fala de atentado cultural, ignominia patrimonial… eu falo de profunda ignorancia, falla de sensibilidade artística e empatía polo ben común. En definitiva, un acto vandálico propio de xente descerebrada e que non miran máis alá da notoriedade ou do berrinche infantil desnortado e sen senso pensando, dun modo egoísta, que polo mero feito de atentar contra o ben común a súa reivindicación acada unha maior xustiza, recoñecemento e incluso xustificación. Craso erro, todo o contrario.
Zonas monumentais de cidades tan emblemáticas como a capital de Galicia, Santiago de Compostela ou a propia Pontevedra parecían ter esquecida a “moda” das pintadas en edificios emblemáticos por mor das sancións ou pola evolución colectiva da xente que facía pensar que hai diferentes xeitos de poder expresar calquera tipo de idea, protesta ou disconformidade sin ter que causar un dano de mal gusto e de terribles consecuencias como emborronchar con pintura fachadas de igrexas, pazos ou casonas señoriais que atesouran anos de existencia e representan parte da nosa cultura.
Analizando ben este fenómeno vemos que unha de dúas ou os individuos que protagonizan este tipo de accións teñen algún problema médico por diagnosticar e tratar ou estamos ante unha nova etapa involutiva do ser humano. Non hai outra explicación. O aumento das sancións aos autores das pintadas e a colocación de cámaras de vixianza disuasoria parecen non ser suficientes para poñer fin a unha práctica que, aínda que esporádica, resulta enormemente danina para o noso patrimonio.
Debemos, en definitiva, inculcar novos modelos de comportamento social non so desde os fogares senón tamén desde as institucións educativas como elementos principais da integración e a convivencia respectuosa con elementos arquitectónicos que representan o nos ser como pobo e a nosa idiosincrasia.
En fin, agardemos que esta sexa a derradeira vez que teñamos que entrar a comentar un feito destas características que nos achega máis a accións de pobos bárbaros que destrúen símbolos e iconas que a un novo modelo de construción do ser humano do século XXI, ou non?