A autoestrada AP-9, un artigo de luxo...

gora que estamos en época de negociacións, intercambio de favores e prebendas por mor da previsible sesión de investidura de Pedro Sánchez como candidato á Presidencia do Goberno de España sería bo que os actores implicados no proceso de pactos, neste caso e pola parte que nos toca PSdeG-PSOE (aínda que sexa de maneira nominativa), BNG e En Marea-Podemos (nas súas distintas acepcións) incluíran entre as súas peticións a necesidade imperiosa de transferir a autoestrada AP-9 á Comunidade Autónoma e que apliquen, de inmediato, medidas paliativas ou correctoras dunha sangría na que se está a converter para os galegos utilizar esta arteria principal da comunicación atlántica entre o norte e o sur de Galicia, que poderiamos cualificar de auténtico artigo de luxo.
Co remate do ano, volve de novo a pantasma da suba xeralizada de toda unha serie de taxas e servizos por mor da entrada en vigor do novo ano. Un dos clásicos é a suba das peaxes da AP-9 xunto co acostumado incremento do prezo da enerxía eléctrica, o gas e os combustibles fósiles que utilizamos para move-los nosos automóbiles e quentar as nosas casas no frío inverno.
No tema da AP-9 parece que, na teoría, hai sempre unha coincidencia xestual caracterizada pola búsqueda de solucións de cara á galería ante a queixa descarnada da sociedade galega polo inxusto das subas no prezo das peaxes que, ano tras ano, se acumulan irremediablemente de xeito casi exponencial e que son asumidas con gran resignación polo común dos mortais ao non haber outro itinerario con garantías que substitúa o traxecto vertebrador marcado pola autoestrada atlántica.
Despois de marea-la perdiz, ao final o resultado sempre é o mesmo, o tema queda aparcado para mellor ocasión sin que esta chegue a materializarse nunca convertendo á AP-9 nunha das autoestradas de peaxe máis caras de Europa e cuns servizos e prestacións moi reducidos.
Cando se fala de Galicia sempre sucede o mesmo: Nunca é o seu momento. Non é o do AVE, non é o do corredor de mercadorías,  non é o das autoestradas transoceánicas e tampouco parece que sexa o da transferencia da AP-9. Ao final queixámonos de que os galegos se nos asocie con aquela viñeta que fixo tan famosa Castelao, o inmortal rianxeiro, que denunciaba: “Mexan por nós e temos que dicir que chove…” ou non?

A autoestrada AP-9, un artigo de luxo...

Te puede interesar