O color do cristal

Oando estudiaba o bacharelato unha das asignaturas que máis me gustaba era a de Filosofía, sobre todo aquelas lecións que tiñan que ver coas distintas concepcións do mundo que os clásicos ofrecían para explica-lo seu funcionamento e abondar no seu coñecemento e comprensión ao longo dos séculos.
Na noite do pasado domingo, a medida que se ían producindo as distintas intervencións dos líderes políticos tras coñecerse os resultados destas segundas eleccións xerais, íame dando conta de que para formar parte deste grupo de persoas hai que estar feito dunha pasta especial. Non vale calquera. Son unha raza diferente. Non quero entrar si mellor ou peor, pero claramente distinta dos comús dos mortais.
A intervención que máis me sorprendeu e me deixou abraiado foi a do líder do PSOE, Pedro Sánchez, e a coordinadora da xestora en Galicia desta formación política, Pilar Cancela, quenes tras perder cinco deputados con respecto aos pasados comicios e co vento a favor da esquerda segundo as enquisas previas (e do propio día) manifestan a súa satisfacción polo “éxito conseguido” non xa por ter gañado as eleccións, que non sucedeu, senón por non se ter producido o famoso “sorpasso” de Unidos Podemos, a quen responsabilizan da suba do PP e de que as opcións progresistas non aumentaran os seus resultados.
Como diría Jesulín de Ubrique, outro dos referentes ideolóxicos e sociais do noso país, “im-prezionante” (así, tal cual, en dúas palabras…). O PSOE baixa cinco escanos (deles 3 en Andalucía, e non digo máis…) e pasa de 90 a 85 deputados no Congreso e Unidos Podemos mantén os 71 que tiña (2 de IU e o resto das candidaturas populares) e resulta que hai que procurar a palla no ollo alleo e non a viga no propio… Culpar ao compañeiro das eivas que un ten non parece o máis razoable para construir futuro.
Desde logo éche ben certo que cada un fala da feira segundo lle vai nela, pero cando se trata de profesionais da política parecera que nos quixeran volver tontos e calquera explicación (escusa) vale para tratar de facernos crer o que non é. Mentras sigan así o divorcio entre a clase política e a cidadanía vai camiño de ter como consecuencia situacións indesexadas e cada vez máis sorprendentes porque de tanto ver a realidade a través do cristal do color que máis lles interesa estes van conseguir acabar todos cegos, ou non?

O color do cristal

Te puede interesar