A cuestión da terceira idade en Arousa...

Estes días volve a ocupar as principais páxinas dos xornais locais a grave situación na que se atopa a Residencia Valle-Inclán, de Vilanova de Arousa, cun futuro moi negro non so para os traballadores que prestan os seus servizos alí senón tamén para as familias que teñen residentes internos no centro e que, no caso de que peche de xeito definitivo, terán que verse na tesitura de atopar unha nova residencia de anciáns para reubicar aos seus seres queridos o máis preto posible e nas mellores condicións de dignidade da que podan ser capaces de costearse.

Esta situación, aproveitando que estamos xa a escasos días dunha nova cita electoral, pon de manifesto a necesidade de habilitar políticas sociais que de verdade contribúan a solventar problemas concretos que nos afectan moi directamente e que deberían ser motivo que ocupara un lugar prioritario nas axendas dos distintos candidatos que o vindeiro 10-N se presentan ás eleccións.

Aportar solucións viables a problemas concretos debería ser unha das máximas polas que se rexiran os representantes da vontade popular, pero parece que a terceira idade, cara á que camiñamos todos, ten uns problemas concretos que precisan de medidas axeitadas para que se podan resolver e que nunca se afronta de todo polo alto custe que supón para o estado do benestar.

A falla de prazas públicas para absorber toda a demanda de centros de día ou residencias de anciáns é un grave problema non so nas comarcas arousás senón en gran parte de Galicia e o ingreso dunha persoa, con maior ou menor grao de dependencia, nun destes centros de carácter privado acada prezos inalcanzables polas economías da maioría das familias da comarca. Así temos que o custe mensual non baixa de 1.500 euros mensuais no mellor dos casos, moi difícil de afrontar coas baixas pensións (a media en Galicia ronda os 700 euros) e os salarios mileuristas que cobran os traballadores na zona, con nula capacidade de aforro para adicalo a axudar a costear aos seus maiores estes menesteres.

Desde logo que a axuda da Fundación Amancio Ortega vai permitir ampliar o número de prazas de residencia nas sete grandes cidades galegas aforrando unha cantidade de cartos á Xunta de Galicia, é dicir, a todos nós, polo que tamén me atrevería a suxerir que en actuacións altruístas futuras, que son de agradecer, vaian orientadas tamén a pensionar, bonificar ou becar determinado número de prazas públicas en centros privados co fin de poder ampliar a cobertura ao maior número posible de persoas que están en listas de espera ou sin poder acceder a unha residencia de anciáns en condicións de dignidade por falla de recursos económicos.

En definitiva, pensar na terceira idade e nos nosos maiores é investir de cara ao noso propio futuro, ou non?

A cuestión da terceira idade en Arousa...

Te puede interesar