FURTIVISMO CONTRA TODOS

A actividade marisqueira e pesqueira é na Ría de Arousa un dos elementos fundamentais que axudan ao desenvolvemento económico de Galicia ademais de ser unha fonte de emprego na comarca. Desde hai anos o sector tomou conciencia da necesidade de exercer unha explotación racional e sostible dos recursos existentes noso país a través dunha regulación de actividades tradicionais co fin de garantir a subsistencia dun grande número de persoas que viven da actividades pesqueira e marisqueira.
Pese a todo, vemos como unha das lacras que perdura no tempo, como é a cuestión do furtivismo, non acaba por desaparecer e rebrota novamente a través de diversas manifestacións e modelos. Afortunadamente, a certa permisividade ou “comprensión social” esistente no século pasado vai mudando cara a un rexeitamento global de quen o exerce, pero tamén de quen recepciona ese material “roubado” ao conxunto de persoas que dun xeito legal realizan diariamente un dos traballos máis duros de hoxendía xa que, mentras nos labores do campo a industrialización e mecanización dos procesos produtivos favorecen unha certa “relaxación” na actividade física, as mariscadoras, rañeiros e traballadores do mar seguen a gañarse o seu pan co suor da súa frente.
Novas referentes á incautación de marisco en veda, collido ilegalmente ou que non da a talla, seguen a estar presentes nos medios de comunicación como reflexo dunha actividade que non cesa e que vai en contra do futuro de todos. De nada sirve planificar, respectar as vedas os tamaños e as artes a utilizar se outros individuos non teñen escrúpulos á hora de levarse por diante o traballo que con coidado e esmero levan feito desde as distintas agrupacións e confrarías para ordenar o sector e garantir pan para hoxe… e tamén para mañá.
Tamén é certo que si non houbera receptadores dese material, a sabendas que é ilegal, non se alentaría unha práctica que vai camiño de provocar a ruína de moitas familias e de moitos pobos. Hoxendía o sector marisqueiro segue a ser unha fonte de ingresos para moitos fogares e un lugar onde o emprego feminino se abre camiño, paso a paso, permitindo facer do recurso un xeito digno e honrado de poder saír adiante e non ter que emigrar, sobre todo en tempos de crise.
Loitar contra o furtivismo é mirar polo ben de todos e pensar no futuro dun país que ten, tamén no sector primario, un dos seus piares fundamentales de progreso e de xeito de gañarse a vida dunha maneira digna, ou non?

FURTIVISMO CONTRA TODOS

Te puede interesar