A polas rebaixas salvavidas...

Coa celebración do Día de Reis ponse punto e final ás datas do Nadal e márcase o inicio “oficial” da chamada “Costa de Xaneiro” que leva aparellada a primeira temporada de rebaixas para o comercio en xeral e o local, en particular. Este ano o frío inverno marca as principais ofertas dos establecementos arousáns que afrontan este periodo con especial esperanza despois de rematar dun xeito moderadamente optimista o pasado exercizo.

O comercio local segue a resistir e a combatir os envites da crise económica que despois dunha década segue a dar os últimos (esperemos que así sexa e non volva rexenerar) coletazos. En torno aos establecementos arousáns xira unha parte moi importante do seu tecido económico non só polo importante número de persoas que incorpora ao servizo de cotizacións sociais como autónomos senón tamén polos traballadores por conta allea que manten a través de contratos que, fronte ás grandes superficies, adoitan ser máis estables e duradeiros no tempo.

Moitas son as nubes que se cernen sobre o pequeno e mediano comercio como é o sistema impositivo, as cotizacións sociais, o baixo consumo derivados da diminución do poder adquisitivo do público en xeral (rebaixa dos salarios por termo xeral durante a crise), o retroceso no consumo e a merma da capacidade de aforro do público en xeral…
Pero tamén se está notando outro elemento derivado da globalización e do desenvolvemento das novas tecnoloxías, sobre todo, coa xeralización do mundo de internet que permite que se estean desenvolvendo plataformas de venda que merman, desde centros operativos e loxísticos moi lonxe da nosa terra, a capacidade de competir dos pequenos e medianos emprendedores que teñen aberto un establecemento comercial na Ría de Arousa, por poñer de exemplo.

Hoxendía resulta moi difícil competir con operadores que poñen, en 24-48 horas, un produto dispoñible nun catálogo por internet en calquera fogar sin prácticamente custe engadido e que rivaliza en prezo e calidade con calquera comerciante establecido nas nosas vilas e cidades. Compiten en prácticamente todo agás o trato personalizado que os comerciantes ofrecen aos seus clientes, o trato humano, a empatía e a complicidade que atopamos á hora de procurar un artigo para mercar ou regalar a alguén.

Sin esquecer que o comercio local ten que adaptarse ás novas situacións de competitividade, debemos tamén ter presente que cada comercio é unha xanela aberta ao autoemprego e tamén á empregabilidade da nosa sociedade, ou non?

A polas rebaixas salvavidas...

Te puede interesar