Quen lle fai as beiras a quen...?

esto da política sempre se dixo que fai estranos compañeiros de cama ou parellas de feito… tamén é certo que á hora de definir este tipo de comportamentos xurden moitos ditos e refráns como aquel castelán que di: “Por el interés,… te quiero Andrés”. En fin, que hai moitos e variados chascarrillos relacionados coa actividade política, as comenencias e as distintas “relacións colaborativas”…
Unha das parellas de moda nos últimos anos na comarca do Salnés está protagonizada por un veterano da política comarcal como é Gonzalo Durán e un prometedor David Castro Mougán, natural de Besomaño e, a la sazón, alcalde de Ribadumia. E como non hai dous sen tres tamén está o ex rexedor de Sanxenxo, Gonzalo Pita, quen ademais de compartir nome co de Vilanova ten especial querencia, tamén, pola Mancomunidade do Salnés.
Novamente estes tres personaxes foron vistos en “amor e compañía”, nesta ocasión na Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova de Arousa recibindo unha máis que merecida homenaxe xunto a outros persoeiros da promoción do Camiño de Santiago, da Variante Espiritual e da Ruta do Padre Sarmiento, como o ex conselleiro de Cultura na época de Fraga, Vázquez Portomeñe, ademais dos actuais membros do goberno Feijóo como Román Rodríguez e Francisco Conde.
En principio, todo normal, pero entre que Gonzalo Durán estaba máis activo e locuaz co micrófono do normal e os pregoeiros puxeron a nota de humor coa súa intervención, o numeroso público presente sentiuse liberado de calquera atadura propia do protocolo e o respecto instituional e comezou a expandir, como tinta de choco ou calamar, toda unha serie de comentarios “por lo bajini” que tiñan como protagonistas aos tres tenores presentes da política comarcal.
Así, o que máis e o que menos identificou as loas de Gonzalo Durán ao alcalde independente de Ribadumia e ao ex rexedor de Sanxenxo como un canto á liberdade e á política sen ataduras ligada ás obrigas do cargo e ao compromiso único e ineludible coa cidadanía do seu propio concello, que a máis de un lle cheirou a corno queimado, sobre todo, despois dos recentes acontecementos ocurridos no Concello de Meaño e que teñen como telón de fondo os designios da Mancomunidade do Salnés onde Gonzalo Durán segue a ter postas as súas miras políticas.
Quen sabe se o “vello zorro” vilanovés estaba facéndolle as beiras a Castro e Pita para manter o seu trono ao fronte da Mancomunidade ou, tal vez, sexan o ribadumiense e o sanxenxino quenes engaiolaban coa súa independencia o libre albedrío do que sempre fixo gala o de Vilanova. En fin, que viva o mexillón e o berberecho e o viño albariño, ou non?

Quen lle fai as beiras a quen...?

Te puede interesar