Toparse coa irracionalidade da “burrocracia...”

Publicaban estes días as axencias de noticias a nivel estatal que unha veciña de Málaga conseguira que se lle recoñecera que estaba viva despois de 9 anos pleiteando para demostrar que a que estaba soterrada nun nicho era a súa irmá e non ela mesma. Para a burocracia deste país a pobre señora era a que figuraba nunha acta de defunción e non había maneira de retrotraer ese acto administrativo para libera-la de semellante situación.

É certo aquelo de que “pleitos teñas e os gañes” porque imaxínense vostedes que chegara a perder o xuizo nun tribunal. Tal e como están hoxendía as cousas da xustiza non sería de extranar, ou que?

A señora levaba nove anos reclamando o seu apego á vida e a reivindicar o seu dereito a vagar polo mundo non como ánima en pena senón de corpo presente e activo. Pois “erre que erre” que no Rexistro Civil figuraba como falecida e ata que non conseguiu que se lle fixera un análise de ADN e a xustiza comprendera que a que estaba baixo terra era a súa irmá, non houbo maneira.

Esto recórdame a unha historia, non sei si certa ou non, que me contara unha vez un emigrante galego que traballara durante moitos anos no máis profundo da selva amazónica brasileira. Contoume que un paisano dunha vila mediana mantivera unha discusión co dono dun xornal que na edición do día, por erro, indicaba nunha información que este individuo morrera nun accidente.

Tanto lle insistiu o paisano ao editor en que tiña que facerlle caso ao seu dereito de rectificación que, chegado un momento de saturación extrema, levantou a cabeza dos papeis que estaba revisando e cunha faciana moi seria, que metía medo, dirixiuse ao ofendido lector e espetoulle: “O meu xornal nunca se equivoca así que unha de dúas vostede está morto ou vai morrer…” quedando automáticamente deste xeito zanxada a discusión e a insistencia do demandante.

Pero volvendo ao principio do artigo, hai que dicir que o sentido común á hora de tratar con burócratas non sempre é unha das virtudes que máis adornan ao persoal e, aínda que poda parecer absurdo, non crean vostedes que, ás veces e ante tanto papeleo que nos solicitan para tramitar calquer asunto, resulte que non lle valga a “fe de vida” e acabe tendo que demostrar, como esta señora, que un segue pertencendo a este mundo, ou non?

Toparse coa irracionalidade da “burrocracia...”

Te puede interesar