Un 1º de Maio vido a menos

os anos de crise e o camiño reivindicativo errático levado a cabo polos sindicatos fixeron que as tradicionais convocatorias do 1º de Maio vaian en descenso en canto á participación dos traballadores. Ben sexa polas coincidencias con outras actividades festivo-recreativas tradicionais, como as festas dos maios, ou polo bo tempo que anima á xente a buscar outras alternativas no lecer, sin esquecer o desánimo e a apatía na que se atopa a clase traballadora ante a xestión levada a cabo polos sindicatos nesta crise, o que está claro é que a capacidade de mobilización das centrais sindicais vai diminuindo co paso do tempo.
Este ano os sindicatos misturaban na súa táboa reivindicativa a defensa dunha negociación colectiva onde se acadara unha suba salarial por enriba do IPC (1,6%), así como unhas pensións dignas e políticas de igualdade, espoleadas pola recente sentenza do caso “La Manada” e dun 8 de marzo protagonizado pola saída masiva de mulleres á rúa para loitar pola eliminación da fenda salarial e as discriminacións que históricamente sufre este colectivo e que, lonxe de formar parte da historia, seguen a estar presentes no panorama laboral dun xeito activo.
Tamén, desde a CIG, inténtase capta-la atención dos traballadores máis activos e concienciados coa proposta, ou anuncio unilateral, da convocatoria dunha xornada de folga xeral no país para o vindeiro 19 de xuño coa intención de non esquecer o papel reivindicativo, mobilizador e combativo do sindicalismo de clase que, polo desgaste da crise, a nula capacidade de liderar e ofrecer alternativas serias para rescatar aos máis desfavorecidos e a inacción, foron condeando á apatía e á desmoralización aos traballadores e traballadoras deste país ata chegar aos niveis máis baixos de afiliación sindical e credibilidade das centrais do país entre a clase obreira.
A nivel estatal sucede algo similar, sobre todo porque os sindicatos maioritarios parecen ter xubilado a súa tradicional capacidade organizativa e mobilizadora coa marcha dos seus míticos líderes de antaño, non só dos que lideraron as centrais sindicais nos momentos da Transición senón tamén de aqueles que tomaron o relevo e que xa o deixaron para que unha nova xeración se faga cargo das riendas e os destinos do sindicalismo.
As grandes empresas financeiras foron rescatadas, as multinacionais fan o seu agosto e os altos directivos incrementan os seus dividendos e primas de xestión mentras os mileuristas de antes, son agora os privilexiados salariais polos que suspiran os novos traballadores que se incorporan ao mercado laboral, ou non? 

Un 1º de Maio vido a menos

Te puede interesar