Unha miopía de cabalo

Non discuto que moitas das causas que defenden os “animalistas” teñen a súa parte de razón e que axudan a avanzar aprol dunha sociedade máis harmónica e con comportamentos máis respectuosos co resto dos membros do reino animal, sobre todo no tocante a actuacións que se poden considerar como puro maltrato.
Nembargantes, tamén teño dicir que noutros asuntos pásanse de rosca chegando incluso a equiparar dereitos individuais das persoas coas mascotas, por exemplo, ou mimetizando comportamentos humanos na relación cotiá cos seus animais de compañía.
A miña reflexión vai hoxe por ese camiño a raíz dunha noticia espallada aos catro ventos na que o colectivo “Libera” incluía a Vilagarcía na súa particular relación de municipios de España onde se permitía o maltrato animal a través da posta en marcha, durante as festas de San Roque, dun tiovivo composto por ponis como atracción de feira para os máis pequenos.
O desmentido do Concello de Vilagarcía non se fixo agardar, xa que o carrusell posto en funcionamento polos feirantes era de cartón e os ponis movíanse activados por unha máquina e a través dunhas pequenas rodas que estaban adheridas ás pezuñas do falso animal, botando por terra calquera acusación ou sospeita sobre o comportamento dos vilagarciáns neste tema.
Esta cuestión non pasaría de ser unha mera anécdota (a verdade é que o tiovivo era moi realista e na distancia podería dar escusa para a confusión) se non fora porque se está a xogar ás veces coa imaxe pública exterior dun concello, neste caso o de Vilagarcía, que si por algo se manifestou foi por oporse á presenza de animais nos espectáculos públicos (lembraranse vostedes aquel lío con aquel circo que nos tivo “entretidos” durante días para ver quen tiña a razón e si o espectáculo podería continuar ou non na explanada de Fexdega… que ao final foi que non).
Colectivos como “Libera”, do que non dubido a priori a súa boa vontade, deberían ser máis coidadosos e escoller mellor as súas fontes de información ou os colaboradores que lle facilitan eses datos para logo elaborar esas “listas negras” porque, ás veces, pola falla de rigor acábase por danar o prestixio duns veciños e veciñas dun pobo como o de Vilagarcía onde se ten caracterizado precisamente polo contrario.
Así que, facendo un chascarrillo coa realidade desta noticia, que non pasa de ser unha pequena anécdota, atrévome a recomendarlle ao “olleador” de “Libera” en Galicia que acuda ao oculista por mor dunha miopía de cabalo, ou non?

Unha miopía de cabalo

Te puede interesar