Vilanova está a vivi-lo “Duran Laudatio”...

Nestas datas estivais, agradables en canto ao tempo metereolóxico que invita a camiñar, póñense de moda diversas rutas para o transcurrir de pensamentos e persoas. Así, si hai anos estivo de moda a Ruta da Pedra e da Auga, co mosteiro de Armenteira como punto de referencia e Ribadumia como eixo sobre o que xiraba a política non so provincial, senón autonómica e estatal; estes días, e por outros motivos ben distintos, suscita grande interese Vilanova de Arousa, quizais sexa por influxos da Variante Espiritual impulsada por Gonzalo Durán e a Mancomunidade do Salnés ou por outros motivos.

Como saben todos vostedes, Gonzalo Durán é un gran admirador da Historia, sobre todo o que ten que ver coas peregrinacións e o medievo. Vellas coñecidas son as súas particulares teses sobre o monte Lobeira, o seu castelo, o seu castro e a orixe da súa nomenclatura que, incluso, podería agochar antigas evocacións coa Raíña Lupa do famoso episodio da “Traslatio” dos restos do apóstolo Santiago.

A Durán, don Gonzalo, gústanlle aqueles tempos da Idade Media onde as lealdades se forxaban a golpe de mandobres e de actos de fe, onde se escenificaban momentos de sumisión e incluso tamén de conversión. Tamén eran tempos onde algún que outro señor era quen de amosar a súa rebeldía, unhas veces finxida e outras con razóns de peso, para chamala atención da Mitra Compostelana, dona nominal do feudo, e mellora-las súas posicións con respecto ás obrigas da súa vasalaxe.

Tamén era costume que a Mitra Compostelana exercera o seu dereito, de cando en vez, de mandar algún que outro enviado do bispo, para non ter que ir el mesmo, coa intención de evidenciar, nalgúns casos, a súa autoridade, e noutros reafirmar que o “meiriño maior” de turno segue a contar co respecto e a autoridade debidas como auténtico valedor do poder eclesiástico nese lugar. Tamén noutros casos, nos menos, o enviado arcebispal viña coa intención de practicar algún que outro “exorcismo”,  aínda que era as menos das veces.

Non sei en que clave haberá que interpretar a visita continua de conselleiros do Goberno Feijóo a Vilanova en tan escaso periodo de tempo, pero seguro que non é habitual que na patria natal de Valle-Inclán, no intervalo de 15 días, se dera a “casualidade” de que pisaran aquelas terras arousás Alfonso Rueda (dúas veces), Román Rodríguez, Ethel Vázquez ou Francisco Conde. A xulgar polos piropos recibidos polo rexedor vilanovés durante esas visitas de tan altos próceres autonómicos debemos estar ante un novo periodo de incerta duración, a cal poderiamos bautizar como a “Durán Laudatio”, ou non?

Vilanova está a vivi-lo “Duran Laudatio”...

Te puede interesar