Das eternas adversidades

Vivimos a pesar de nos mesmos. Temos tantas cosas en contra, que ás veces sorprende que poidamos superar tantas dificultades. Somos consecuencias do azar e a demostración palpable da eficacia das leis de probabilidades; incluso da tiranía de algoritmos e das hipóteses concatenadas de Murphy ou de Peter, coma aquelo de que se algo pode ir mal, irá mal. 

As ameazas climáticas e os problemas medioambientais xerados polos residuos, plásticos e verquidos de todo tipo, impactan contundentemente sobre as nosas conciencias. Pero temos facilidade para esquecelo todo, en función de parámetros de egoísmos diversos, e polo abuso dun hedonismo rampante, que fai que desfrutemos o momento, e pechemos o capítulo da reflexión para instantes máis grises. 

Pero tamén os populismos, as respostas sinxelas a problemas complexos, e a convicción estúpida dalgúns, baixo o pensamento de que isto arranxábao eu en 10 segundos, rebrotan en escenarios que supoñíamos xa superados. 

Atendemos a novas que semellan ser máis cotilleos que incidencias que afectasen á economía, á xustiza social, ou a unha mellor convivencia. Escoitamos postulados enraizados máis na conveniencia, que na articulación estrutural da necesidade de convencernos da súa utilidade. A proliferación de efectos dominó e a entrada estelar de machos alfa, evidencian que estamos aínda lonxe das soñadas utopías; tamén de que aínda queda camiño para ser unha sociedade madura e con memoria. Temos as metas postas en distancias excesivamente curtas. Os marcos dominantes seguen a ser os do diñeiro, e os do poder versus  influencia. Mudan os grandes valores, o único que non cambia, é o elevado nivel da estupidez humana.

Abrázame –díxolle El– que ven o vento cargado de distancias. Non deixes que esta choiva, faga fundirse o verso que sabemos... nin esquecer o poema que  somos e sentimos...  

Das eternas adversidades

Te puede interesar