• Sábado, 18 de Agosto de 2018

Das pequenas e das grandes cousas

Nestes días, o mundo está dividido entre os defensores e detractores do penalti que eliminou á Juventus e clasificou ao Real Madrid. Como no mellor tratado das banalidades absolutas, o anecdótico convértese no punto fundamental en torno ao que xira todo. O fútbol, e non a fé, é a que move as maiores montañas. E tamén a que destapa posicionamentos enconados, e as máis sorprendentes maniobras orquestais na escuridade. 
O icónico e as novas mitoloxías acaban por facer dos seus rituais, un sustituto a tempo parcial da realidade. Os efectos placebo funcionan en moi diversos niveis, e proporcionan o alimento indispensable para poder sobrevivir nas rutinas monótonas e grises ás que a vida de diario nos conduce. Podemos recoñecer o heroico no esforzo de superar resultados adversos en campos contrarios. E facemos das decisións instantáneas agravios eternos que nunca perdonaremos baixo ningún concepto. 
Que Trump xogue cunha posible intervención bélica en Siria e alabe a beleza e a eficacia das novas armas de destrucción masiva, semella ter menos importancia que a frustración de toda unha lexión de afeccionados. Que haxa realidades que pasan desapercibidas, como a invisibilidade de máis de dous millóns de fogares, habitados por maiores de 65 anos que viven sós, semella unha cuestión baladí fronte tamaña ofensa. 
Os agravios dependen da cor do cristal co que se mira. Nunca son absolutos. Moitas veces, nada pasa tan desapercibido como o verdadeiramente importante. O brillo do oropel é como o fume, e acaba por cegarnos os ollos e os sentidos.
Nun simple bico caben todas as despedidas –dixo Ela– e abren un catálogo amplo, de bálsamos e velenos. Os bicos nunca son simples contigo –dixo El– son sentidos, complexos e soñados.