Desentenderse das mortes

Averdade é que os gobernos, lonxe de dedicarse a mirar polo conxunto dos seus consumidores perden o tempo en lexislar para evitarse problemas. Se hai moitas manifestacións, pois regúlase o dereito de berrar en concentración humana polas rúas. Se a estrada é perigosa, con curvas que non veñen ao conto, limítase a velocidade, ponse un radar e veña multas que te criou. E así até onde sexa necesario, como é o caso que nos queren meter agora e regular e castigar, máis aínda, as imprudencias en tempos de alerta.
O caso é que habería que definir o que é unha imprudencia cando o territorio sofre unha cicloxénese explosiva, implosiva ou de andar pola rúa. O certo é que é habitual que cada vez que nos azouta un temporal, xunto co obrigado recorde de velocidade do refacho de vento aparece á busca do desaparecido que saíu pescar, pasear ou ver o mar e foi arrastrado polas ondas do mar. Tamén era normal que a nacionalidade do afogado fose non galaica, por aquilo de que lles gustaba gozar do estrondo marítimo, aínda que agora comezan a ser seres de natureza autóctona os que padecen a forza do mar.
Non se entende o que pretende facer a Xunta regulando as imprudencias. Por exemplo, se lle poñerá unha multa ao desaparecido ou busca sancionar a calquera automobilista que se dirixa ao seu traballo baixo unha sarabia de coidado e sufra una accidente. O certo é que o que parece é desentenderse das mortes dos imprudentes e sumar máis dor ao que xa padece a familia.
Non queda máis que desexar que se acaben as mortes de xente arrastrada polo mar, aínda que para o ano que vén haberá outras máis, iso seguro, porque que haxa temporais na costa galaica e o normal e as ondas de once metros son espectaculares, pero hai que velas a distancia. Calquera o sabe, ou non?
Pois parece que non. Un concelleiro dun pobo de mar montou no seu coche para ver o mar embravecido un día destes de temporal e ficou espantado de que as vagas chegasen tan arriba, até a area seca, como as lagarteiras. Nesa praia sempre chegan até esa cota, haxa ou non temporal, pero o edil foi ver o mar levado polo exceso de información climática. Tanta noticia da meseta está facendo dos galegos de mar sorianos.
Agora veñen os ríos crecidos e curiosamente os encoros non están cheos, porque a metade da auga se perde nas canalizacións que están rotas. Se o verán vén normal, no mes de agosto estaremos falando de que hai que aforrar líquido elemento, porque a lluvia veu polo aire e foise polo vento.

Desentenderse das mortes

Te puede interesar