miércoles 16.10.2019

Pexomnite

Dáme a impresión de que isto das campañas electorais

Dáme a impresión de que isto das campañas electorais da vez son máis aburridas, tanto nas grandes cidades como nos concellos pequenos. Por exemplo, recordo que antes no medio rural, antigamente chamado aldea, aparecía o candidato anunciando que ía dar un mitin na taberna. En consecuencia, o cheo de parroquiáns era absoluto, mentres que nas vilas tirábase de polideportivo, que antigamente eran de aforo reducido porque se pensaron para competicións atléticas. Os de agora son máis grandes porque están deseñados para actuacións musicais.
Nesta campaña vimos como as prazas eran o lugar desexado polos aspirantes para facer chegar as súas propostas aos electores. En realidade a esas concentracións sempre ían os mesmos máis algún despistado que pasaba por alí para ir comprar o pan ou botar a primitiva, asuntos máis importantes que oír un home ou muller dar gritos a catro asistentes.
Mentres os candidatos urbanos fan campaña en catro ágoras e en dous complexos deportivos cando vén algunha estrela invitada, os do medio rural patean as rúas e petan nas portas para entregar propaganda ou darse a coñecer. No meu caso viñeron visitarme todos os aspirantes menos un, que non sei se de verdade apareceron cando eu non estaba presente ou simplemente pasaron de min. Isto defraudoume un pouco porque despois de oír tanto discurso sobre o PXOM, necesitaba máis datos, máis información. Creo que estou cerca de ter pexomnite, descrita como unha adición que non se pode conter a falar de urbanismo sen contención.
Nas anteriores eleccións municipais, cando comezaba a dar duro a crise, houbo candidatos que pasaron do PXOM e presentaron como única proposta a creación de emprego. Un alcalde, destes que non fan campaña porque xa teñen asegurada a reelección, comentou que iso era un disparate, porque el, mandatario dun concello pequeno non tiña posibilidades de dar traballo como unha multinacional.
Nos comicios actuais, hai aspirantes e rexedores en funcións que prometen erradicar o desemprego no seu concello. Eu engadiría que o que en realidade pretenden é incrementar o cadro de persoal un pouco máis, porque van camiño de converter o organismo municipal na Deputación de Ourense, en ter tanto persoal asalariado no concello como habitantes.
A expresión de “estar posto aí, polo concello” vai camiño de ser considerada oficial no índice de profesións se é que os alcaldes seguen a senda de seren axencias de colocación en vez de dedicarse a crear riqueza, non co PXOM, senón activando a economía local, aínda que para iso o normal sería a cooperación intermunicipal e non pedido solo industrial, con fan algúns que teñen grandes polígonos cheos de silvas que só son visitados polo conselleiro que toque para anunciar grandes investimentos que non se levan a cabo. Habería que facer unha ruta turística de polígonos industriais botados a perder, que iso tamén é pexomnite.

Pexomnite
Comentarios