De historias do pasado e soños do futuro

Dicía Thomas Jefferson -que de política sabía un pouquiño...- que a el gustábanlle máis os soños do futuro cás historias do pasado. Non é que pretenda poñerme eu á altura de tamaña personaxe, pero si quixera facer miñas as súas palabras e aplicalas ao papel que teño o orgullo e a responsabilidade de desenvolver nesta miña querida Vilagarcía de Arousa desde hai xa uns meses e que, sobre todo, quero desenvolver con normalidade durante os próximos catro anos. Somos vinte e unha as persoas que formamos parte dunha Corporación Municipal da que me gustaría poder dicir que mudou o xeito de facer as cousas. 
Prefiro pensar que podemos pasar páxina sobre todas as vellas maneiras de facer política e que imos ser quen de asumir unhas novas formas de traballar, non digo en harmonía total, que evidentemente cada forza ten o seu xeito de entender as necesidades destas terras, pero si polo menos cun sentido do ben común que nos leve, dunha vez, a tirar todas e todos do carro ao mesmo tempo e na mesma dirección. 
Cadaquén que se motive como queira, con maior ou menor forza, pero sempre cara a adiante, cara aos soños do futuro, cara a unha Vilagarcía de Arousa mellor cá que temos agora mesmo. Todo isto sae do meu maxín de novel e bate de fronte cunha realidade ben distinta. Atopo a liorta continua, as malas maneiras, a falta de educación en cada pleno, o pouco respecto por quen pensa distinto, e enérvome. 
Enérvome, si, póñome malo porque, antes de ser representante, xa fun representado, unha desas máis de trinta e sete mil persoas representadas na Casa Consistorial desta vila. Si, para min vila, non cidade, por moita xente que sexamos, por moitos servizos que poidamos chegar a ter, para min sempre vila, vila galega, vila mariñeira, vila que coa súa “carta de avinza e igualanza” deu por fundada un Caamaño naquel século XV perdido nas arañeiras do tempo. 
Vilagarcía de Arousa merece que as mulleres e os homes que somos representantes da súa cidadanía saibamos manter unhas formas, saibamos comportarnos, saibamos ser fiel reflexo dos desexos das persoas representadas, saibamos cambiar as historias do pasado polos soños do futuro... Xa está ben de liortas, xa está ben de trampas e de paus na roda do rival, que non do inimigo. Prefiro pensar que se poden gardar esas armas dunha vez, que se pode empregar a dialéctica e non o insulto, que se pode entrar en debate sen que implique entrar en batalla, que o respecto pode imperar sobre calquera diversidade de ideas, porque a política naceu para servir á cidadanía e é unha mágoa que haxa quen a estea convertendo precisamente no contrario, nunha ferramenta de confrontación continua. 
Eu, como representado, lamento profundamente que a liorta sexa o habitual; como representante espero non caer nese erro. Se nalgún momento fose así, por favor, que ninguén mo deixe de dicir. Política, polis, cidade-estado... Ou coma no noso caso (e nunca me fartarei de dicilo e de lembrarllo a quen cumpra), vila. A Vila de Don García, a vila do noso pasado, a vila do noso presente e a vila do noso futuro. Soñemos con ese futuro como dicía Jefferson e procuremos non caer nalgúns erros do pasado. 
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

De historias do pasado e soños do futuro

Te puede interesar