Non, coa saúde non se xoga...

V  ai a cousa de buscar o máis práctico, polo que lin o pasado domingo neste mesmo medio. Pois que así sexa daquela. Imos buscar iso, porque efectivamente, como moi ben di o autor do artigo de opinión do Grupo Municipal do PSdG-PSOE, “coa saúde non se xoga” e non será ninguén deste grupo político quen diga o contrario; nós non pretendemos xogar coa saúde de ninguén cando nos opoñemos á posible implantación dun “macrocentro” de saúde nos terreos da Comandancia. 
O asunto é que fóra de estar ou non de acordo -que en Somos Maioría non o estamos, obviamente- co autor do texto, o bo de Juan Antonio Pérez Callón, quixera responderlle moi amigablemente, como non podía ser doutro xeito, ao seu chamamento a que “sexamos prácticos” e sobre todo á pregunta -dirixida persoalmente a min, pois aos outros grupos refírese en terceira persoa...- de se “é máis accesible o tránsito de vehículos ao ambulatorio de San Roque que á Comandancia”. Pois mire, para nós si. Nós, en plural, porque Somos Maioría é un grupo de persoas; eu simplemente o seu voceiro. Agradécese a confianza, agradécese o que entendo que é boa vontade e mesmo mostra de afecto de parte do membro máis veterán da Corporación e co que teño a sorte -e non me importa o máis mínimo recoñecelo- de ser “veciño” de mesa. Non sei, quizais sexa por aquilo de que sabe máis o Demo por vello ca por Demo e sempre se pode aprender de quen leva anos metido nisto da Política. Espero aprender as cousas boas, sinceramente, porque o de definir as argumentacións dos grupos da oposición como “escusas” para non apoiar a moción do Grupo Socialista paréceme un erro que alguén con tanta experiencia política non debía cometer, se me permite a ousadía o meu interlocutor.
Nós opuxémonos e argumentamos o noso voto contrario porque efectivamente entendemos que eses terreos non son os máis axeitados. Acertamos? Temos o convencemento de que si. Erramos? Todo é posible, claro, pero iso vai á parte; a nosa argumentación, -reitero, argumentación, non escusa- é que implantar un novo centro de saúde na Avenida da Mariña suporía ir en contra da idea que se leva defendendo desde hai anos da Vilagarcía de Arousa que queremos, sería ir en contra dun deseño urbanístico serio. Porque iso é innegable; desde hai moito tempo que vénse dicindo por parte dos distintos grupos políticos que pasaron por Ravella que hai que procurar desviar o tráfico de vehículos do centro da vila. Perfecto, ideal, concorda a meirande parte da cidadanía, mesmo se crearon vías periféricas para tal fin. E agora que? Metemos o Centro de Saúde nunha das zonas máis concorridas? Si, vale, hai moito aparcamento -público e privado, ese sería un tema que daría moito que falar aínda despois de tantos anos- nos arredores da Comandancia, pero e o resto? E as aglomeracións de coches que se producen os días de Mercado? E na Festa da Auga? E o caos que hai por toda esa zona a semana das Festas de San Roque? Porque neses días, para chegar ata Pablo Picasso para coller o vial cara ao Hospital, ás veces haise que armar de paciencia e non quixera pensar que o tempo que se puidese perder nese traxecto fose mortal para quen vaia dentro dunha ambulancia. Efectivamente, coa saúde non se xoga. 
Tampouco coa saúde económica. Nós defendemos que Vilagarcía de Arousa precisa un Centro de Saúde en mellores condicións, pero non estamos a favor de gastar cantidades innecesarias -saian os cartos das arcas que saian- creando “macrocentros” cando con investimentos moito menores podemos lograr que as instalacións xa existentes cumpran perfectamente o seu obxectivo. O tempo dos grandes proxectos faraónicos pasou. Xa nos chegou coa Cidade da Cultura como para buscar agora a Cidade da Saúde, se se me permite a broma.
Somos Maioría chegou á Corporación Municipal en maio de 2015. O que pasase en 2009 e 2010, sinceramente, non é algo no que se nos deba mesturar. Nós non estamos coa nosa negativa á moción socialista incumprindo ningún acordo previo; estamos defendendo as nosas ideas, argumentándoas e xustificando as decisións. Nin escusas, nin veletas, nin farrapo de gaita. Simplemente, porque coa saúde non se xoga, estamos sendo o que pedía o meu compañeiro de mesa no seu artigo do domingo pasado: “Por unha vez... sexamos prácticos”. Pois niso andamos; por esta vez -e por todas- estamos sendo prácticos... e prácticas.  
*Voceiro municipal de Somos 
Maioría Vilagarcía.

Non, coa saúde non se xoga...

Te puede interesar