QUEN QUER TOMAR LEITE?

Omes de decembro é o máis axeitado e propicio para os recordos sobre todo se por riba cumpres anos nestas datas como é o meu caso.
Os tempos de miseria que trouxo a incivil guerra do trinta e seis, chamada movemento nacional por algúns, cruzada polos máis fanáticos e o gran meneo por un recordado e querido profesor, levaron ao noso país a situacións e xeitos de afrontar a vida que, vistos dende hoxe, mesmo semellan esperpentos dignos de ser contados polo miúdo por plumas mellores ca miña. Velaquí algúns exemplos:
–Como non recordar aquelas misións coas que nos atormentou durante un mes enteiro o crego? Tódalas mañanciñas, dende moi cedo, organizábase unha procesión polo barrio con rezos e cánticos medoñentos. Recordo especialmente aquel “Perdón a tu pueblo Señor...”, que falaba dun Deus eternamente anoxado, que mesmo poñía os pelos de punta.
–Teño na memoria unha mulleriña, que, con voz de miña xoia, recorría incansable o barrio enteiro entoando aquel tristeiro “Quen vende traaapus..” que aínda soa nos meus oídos.
–O rapateo tamén marcou aquela época, ferro, cobre, latón, aluminio, cartón, papel e trapos, todo era bo para acadar uns cartiños nas chatarrerías.
–A roupa comprábase pras medras e pasaba de pais a fillos e de irmáns a irmáns.
–Especial mención merecen as leiteiras que dende as seis da mañá pregoaban a súa mercancía, “quen quer tomar leite”. Para controlar o contido de auga no leite, as autoridades dispoñían dun densímetro co que facían comprobacións que se traducían en multas se a medida non era a correcta. Seica a densidade do leite é a mesma que a da urina e..., xa non vos conto máis.
Soamente dicirvos, para que vos fagades unha idea, que máis dunha leiteira foi sorprendida in fraganti nun portal. Cousas da miseria naquela nación na que segundo a canción, empezaba a amañecer.
Vaia dende estas liñas o meu sentido homenaxe a tódolos pais e nais da xeración da posguerra que tanto tiveron que loitar para subsistir e sacar adiante aos seus fillos nuns tempos certamente difíciles. Prégolle, señor Rajoy, que non volvamos a eles, ¡nunca máis!

QUEN QUER TOMAR LEITE?

Te puede interesar