De quen son as festas?

índa que todas as festas teñen o seu feito diferencial, e contan cun forte arraigo de localismo, nos últimos anos semella difícil diferenciar escenas da noite do Albariño, da previa a San Roque en Vilagarcía, da Peregrina en Pontevedra ou a Guadalupe en Ribeira. Moreas de rapaces e rapazas que atopan o motivo para feirear e crear os seus propios mundos.
Non, non se trata dun sermón de vello que mira á xuventude pensando que están terminando con todo, que non pensan máis que en divertirse e que son uns deixados. En absoluto. Son unha xeración tan boa coma calquera outra, como pouco, e conviven con arranxo ás normas e ao mundo que entre todos e todas creamos. Pero eso non evita que sobre a mesa siga a mesma cuestión. En que se diferencian unhas festas de outras se ao final son todas unha macro-convivencia de grupiños con bolsas de supermercado? 
A cuestión está en que o ansia de facer que as festas sexan de todos, termina por facer que non sexan de ninguén. Coñezo xente de Vilagarcía que marcha durante San Roque, como os pamploneses o fan durante San Fermín ou os composteláns durante o Apóstolo. As festas xa non son de ninguén, xa non teñen identidade porque os mundos son máis globais e as xentes máis diversas.
É por iso que debemos resgardar o que nos faga distinto. Está ben a noite do 15 en Vilagarcía, pero non deixemos de celebrar, sobre todo, a mañán do 16. Está ben a noite do Albariño, pero non olvidemos que os viños cos amigos ao mediodía e a festa na casa son o fundamental. Que o desembarco vikingo en Catoira siga a ser o eixo da festa, e que en O Grove non se termine por perder a referencia de que o marisco é bo porque é de alí. O equilibrio entre o impacto, o beneficio, o crecemento e a identidade é delicado, pero non perder esa balanza de vista é, precisamente, o que nos permitirá seguir sendo distintos para poder ser universais.

De quen son as festas?

Te puede interesar