Republicanos con Rei

"Eu son republicano dos de toda a vida, dos do Rei”. Así expresaba con brillantez sintética, e un chisco de retranca, un bo amigo o sentir común que percorreu a toda unha xeración (ou dúas) sobre o noso modelo de Estado e a convivencia, non sempre fácil, dunha monarquía nun país en transición cara a democracia. Probablemente hai outras maneiras de contalo, pero esta é probablemente das máis realistas.
Eu son republicano. Punto. Basicamente por convencemento de que é un sistema que me representa mellor no desexo de democratizar as institucións. Tamén, cabe recoñecelo, porque a miña visión do que foi a nosa historia do século XX faime entendelo como o sistema truncado que nunca foi recuperado. En todo caso tamén creo que España non tivo, ata o de agora, un problema co seu modelo de Estado no que á xefatura se refire. E tampouco creo que teña sentido abrir un debate como tal se é, unicamente, para debater sobre eso. 

Os recentes tempos amosan que hai un cheiro dificilmente xustificable sobre a Monarquía e, o que é máis duro para esas xeracións das que falabamos antes, sobre a figura específica de quen foi Rei durante 40 anos. Sen entrar en consideracións xurídicas e outros tecnicismos parece que unha evidencia percorre España, a evidencia do fraude (e non soamente en termos fiscais). Queda para as conspiracións, probablemente moi fundadas, interpretar se hai unha loita de poder e/ou de lexitimidade entre pai e fillo, pero non esquezamos que resulta pouco gratificante pensar que puidemos saber antes moitas cousas que non sabíamos.

É posible que sexa o momento de que teñamos a altura suficiente para avanzar como país, para pensar en novos acordos e progresos. Se somos quen de facer eso, entón si que poderemos tamén abrir un debate no que deberamos pactar unha solución conxunta, que permita decidir libremente sen ir contra ninguén, sen necesidade de decidir de hoxe para mañá. Solucións a longo prazo, que ofrezan estabilidade. Neses debates tamén debera estar a monarquía, pola razón fundamental de que é a propia institución a que está socavando aquilo que historicamente foi argumentada para sostela: estabilidade, sobriedade, solvencia, representatividade. Nada diso cúmprese agora.
Así pois, aí está o reto. En configurar o escenario posible para abrir os debates e, despois, en defender con intelixencia as posicións. Equivocaremos o momento, o tempo e as formas se queremos ser belixerantes e frentistas. Se quedamos nos símbolos fáciles terminaremos por reducir os debates ao prescindible. Ese é o primeiro paso para perdelos.

Republicanos con Rei

Te puede interesar