O turismo que queremos, e o que nos deixan

Non hai conversa, xuntanza ou cumio sobre turismo que non declare, coma se estivese contando algo novo, que a aposta real turística ten que estar na diferenza e na calidade. Como se non se tivera dito setecentas veces por día. 
Que significa iso en Arousa? Pois significa que o Grove sexa referente na gastronomía de calidade das Rías Baixas, xa destacadas para España e o mundo; que A Illa é un enclave único, con praias case secretas e unha maxia propia; que Cambados sexa un referente no seu casco antigo, e continúe a potenciar a súa referencia vitivinícola, sector no que Meaño ou Meis son terras fundamentais; que Sanxenxo poida continuar a ser referencia dun turismo náutico e de nivel. Significa que sigamos poñendo en valor festas distintas, como o desembarco vikingo en Catoira, Revenidas en Vilaxoán ou a Festa da Ameixa en Carril; que Vilagarcía é o polo urbano que funciona de eixo, que conecta as comunicacións, que presume de Festa da Auga e da organización de eventos culturais e deportivos referentes.
É suficiente? Non coñezo a ninguén que non desexe máis, pero non caiamos no negativismo permanente. E, por favor, que o intento de mellora non pase por inventar a pólvora con novos Gaiás ou un aeroporto, ou con prometer a Copa América en Vilaxoán. A quen non ten ideas sempre lle gusta moito a primeira que pase por diante, aínda que ás veces se leen propostas faraónicas que so lle darían beneficio ao arquitecto que cobre por vendelas.
Volvendo á realidade, todo o que xa temos necesita de apostas firmes, e aquí hai que separar gran da palla e que cada pau aguante a súa vela. Os Concellos do Salnés teñen iniciativa e xestores que reiventan cada día a maneira de continuar este esforzo, e menos mal que agora a nova Deputación de Pontevedra aposta decididamente por esta comarca. Non habería máis que ver que a súa posta en escea foi das máis seguidas e máis ateigadas de xente en 3 días de presenza das institucións en FITUR, a maior feria de turismo de España. Lamentablemente esa colaboración transfórmase en enemigos noutros lados. Sería difícil pensar nun lugar mellor que O Grove para un porto deportivo necesario, pero Portos de Galicia négase a falar delo. Cambados conseguiu o logro único de ser Cidade Europea do Viño, e fíxoo coa Xunta negándose a apoiar o proxecto. Vilagarcía pode abrirse ao mar, pero atópase cun Porto que é sucursal dun partido político e que traballa para torpedear a un goberno e non para construír unha cidade. A Mancomunidade do Salnés reforza a idea de que é un ente sobrante, que só é utilizado polo seu presidente para facer viaxes nos que consolidar a amigos que logo dan gobernos a cambio de a saber qué.
Somos, temos, sabemos e queremos. Agora so fai falta que os que poden axudar, polo menos non poñan paus nas rodas.

O turismo que queremos, e o que nos deixan

Te puede interesar