Versos libres

O político vasco Borja Sémper anunciou estes días a súa retirada da política. Foi noticia, e creo  unha moi mala noticia.

Teño un especial aprecio polas persoas que fan e fixeron política en Euskadi. Supoño que cando aprendes en carne propia o que é verdadeiramente importante tamén aprendes a relativizar o que non o é. Esa parece unha das razóns que Sémper expón sobre a súa marcha: a absurda intensidade dramática coa que se califican as cousas, o guerracivilismo no que se ten convertido a sociedade española hoxe por mor dunha política polarizante. E razón ten.

Leo sobre el a expresión “verso libre”, e láiome de que teñamos que utilizala. Pero boa parte de certeza hai nela. Creo non equivocarme cando penso que a maioría da cidadanía veríase representada máis nesas persoas que son identificadas como “versos libres” que nas que funcionan de maneira estandarizada, aínda que curiosamente sen as segundas non existirían as primeiras. Todos os perfiles son necesarios, para complementarse, pero tristemente exclúense os primeiros.

Ernest Lluch declarouse intencionadamente “equidistante” entre os nacionalismos vasco e español, Borrell defendía a abstención dos socialistas ante Rajoy, Manuel Valls entregou os seus votos aos adversarios para que non gobernase a ultradereita, Errejón abandoou cómodas posicións para tender pontes, Carmena lanzouse a romper esquemas aparentemente inmóbiles, Manuel Pimentel abandoou o PP en contra da guerra en Irak, Jesús Eguiguren sacrificou a súa imaxe a cambio dunha mínima esperanza para a paz, Joan Tardá reclamou diálogo fronte ao frentismo en Catalunya, Alfonso Guerra nunca calou a súa discrepancia dos acordos socialistas cos nacionalistas, Toni Roldán deixou un Cs en alza electoral protestando contra os acordos coa ultradereita, Antonio Basagoiti decidiu que o PP vasco votara ao socialista Patxi López como Lehendakari, Javier Fernández afrontou o imposible intento de unificar a un PSOE roto hai poucos anos,  Borja Sémper desgañitouse en pedir sensatez ante un panorama de radicalización. Moitos nomes (e habería moitos máis) que tomaron partido por posicións non premiadas a priori, fora das zonas de confort. Intentaron transformar, decidiron non quedar parados.

Moitos cometimos (e cometemos) o erro de só destacar a persoas así cando estamos dacordo con elas, eu fágoo habitualmente. Pero a verdadeira cuestión está en defendelos cando discrepan, porque é aí, sobre todo aí, cando constrúen. Eu non concordo cos argumentos que defenderon algúns dos citados aquí enriba, pero creo imprescindible que exista quen os defenda. E todas esas persoas o fixeron (e algunhas aínda o fan) con brillantez, determinación e convicción. 

Borja Sémper marcha da política, e aínda que el nunca lerá este texto eu pediríalle que non marche moi lonxe. Porque fai falta. Quen sabe, aínda hai moitos ilusos que cren que é posible cambiar a maneira de facer política e, por tanto, de facer sociedade.

Versos libres

Te puede interesar