Alimentar o afecto pola lingua galega

A cita é o próximo 17 de maio, ao mediodía, nunha marcha cívica polas rúas de Compostela baixo o lema de “En galego día a día”, convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego que xa ten acadado nos últimos chamamentos unha participación multitudinaria, unindo sensibilidades de todo tipo na causa común da defensa do uso da lingua galega. Anotamos pois, na axenda de compromiso persoal, unha manifestación anual que é fundamental para mostrar a necesaria reclamación, fronte ao desleixo dos poderes políticos responsábeis,a prol dun avance no proceso de normalización plena do idioma propio. Mesmo xa conformariamos en que non haxa retroceso e que o nivel de uso cotiá sexa o que precisa unha lingua atacada en varias liñas neurálxicas.
Na presentación da mobilización a favor do idioma, púxose de manifesto que “é o pobo galego quen mantén a lingua viva, en solitario, e quen exerce as obrigas do goberno galego e coa mobilización diaria consegue avances”; así “grazas ao activismo social, o galego acadou pequenas vitorias” que dan mostra da forza dunha cidadanía responsábel, mais tamén amosan todo o que falta por avanzar. Mostra do anterior é a existencia de compañías de seguros que comezan a cumprir a lei, e ofertar pólizas en galego; operadores de telefonía móbil que se ven obrigadas a recuperar o servizo de atención e de anuncios no noso idioma; ou das empresas foráneas de capital multinacional que modificaron normas corporativas que impedían o uso do galego no ámbito interno ou público. Todo pola reacción da xente, coa Xunta mirando de esguello.
Porén, froito do desamparo e da agresividade que soporta a lingua propia “o galego é o único idioma oficial do Estado que diminúe en falantes”, especialmente acusado entre a xente máis nova. Unha mocidade que recibe estímulos por unha manchea de vías que van na dirección contraria á necesidade da súa conquista para a causa do noso idioma. Por iso, é fundamental o papel de iniciativas como a que representa o “Correlingua”, ideado para propiciar, entre o alumnado dos centros educativos, a reflexión sobre a situación da lingua e activar as accións en favor dela; sensibilizar á sociedade a través da poboación infantil e moza, da importancia en defender a lingua; e, tamén, asociar amabelmente esta reflexión a actividades colectivas, lúdicas e amenas de carácter variado e atractivo para este segmento de persoas co seu persoal xeito. 
Velaí, tamén, a conclusión dun encontro sobre normalización organizado, recentemente, polo Consello da Cultura, cun vídeo rulando polas redes sociais, probando que  “o espello de deportistas de elite e do persoal adestrador é fundamental para manter o afecto da rapazada pola lingua e promover o seu uso como algo propio que os identifica”.

Alimentar o afecto pola lingua galega

Te puede interesar