Estatuto para rematar cos caciques

Votar, nun proceso electoral a celebrar en tempo de verán, no caso galego non é habitual, certo que non é, porén tampouco é cousa inédita. Ten precedente histórico nun fito de gloria e dor que marcou boa parte da dinámica de reivindicación e loita colectiva por acadar niveis de soberanía política, vai xa para un século de traxectoria. Sen dúbida, esa manifestación de grande unidade arredor dun proxecto aglutinador de vontades, colleu máxima expresión simbólica co resultado do plebiscito do Estatuto de Autonomía para Galiza, votado o 28 de xuño de 1936, nunha épica vitoria que, mágoa diso, chegou tarde para materializar a institución dun poder galego, similar á experiencia da que gozaban xa outras dúas comunidades territoriais no ámbito estatal, pola fatalidade de atopar no camiño da súa cristalización xurídica o golpe militar contrario á legalidade republicana e popular que impuxo pola forza das armas unha ditadura totalitaria e represora de todo o que tivese a ver con  principios de liberdade ou demanda de autonomía territorial.

A ringleira de persoas que poden ollarse nas fotos da época, diante dos colexios electorais para emitir o seu voto,  amosan o fervor popular dunha reacción que, sen embargo, ten moito traballo detrás en quendas sucesivas de intentos por acadar un resultado favorábel á promulgación dun estatus de autonomía para este noso país. Varios proxectos de Estatuto que foron sucedéndose durante o período da Segunda República española que teñen mesmo unha reflexión anterior e sucesivas manifestacións en tempos precedentes, especialmente entre os obxectivos políticos enunciados pola Asemblea Nazonalista de 1918 que declaraba a Galiza como nación, dentro dunha federación de Estados das nacións ibéricas, na que debería ser cooficial a lingua galega, con predomino nos niveis de ensino e coa esixencia aos funcionarios de coñeceren o galego. 

Finalmente, logo da iniciativa liderada polo Seminario de Estudos Galegos coa primeira dos proxectos redactados na etapa republicana, a posterior da Asemblea de Concellos e a frustración resultante polo freo estatal ás iniciativas, a política practicada polos gobernos do bienio negro representou unha volta atrás inaceptábel na concepción do modelo do estado en construción, diante do que o Partido Galeguista, motor de explosión do proceso autonomista, tivo que explorar novos acordos que posibilitaran a materialización deste obxectivo, e froito estratéxico desa necesidade foi a súa incorporación á Fronte Popular, garante do compromiso programático da aprobación do estatuto nos meses que seguiron ao seu triunfo electoral; como así foi cumprido.

Estatuto aprobado que nunca chegou á súa aplicación para alén do valor democrático, mais base moral para ser considerados “nacionalidade histórica” no marco do vixente ámbito constitucional e tamén estatutario dentro dunhas normas legais que, petrificadas fai corenta anos, necesitan dunha urxente posta ao día na procura real de “rematar cos caciques, votando Si ao Estatuto”. É hora.

Estatuto para rematar cos caciques

Te puede interesar