O eucalipto de Frei Rosendo

Coa celebración do Día Internacional dos Bosques lembramos a figura de Frei Rosendo Salvado, clérigo tudense que abriu camiño eclesiástico nas terras australianas. A lenda, certamente nunca verificada na súa plena certeza, di que foi el na súa boa fe quen trouxo o eucalipto austral para probar a súa adaptación na terra atlántica. Mala iniciativa. No marco forestal esta especie invasora logrou o que non acadaron tres ataques romanos: colonizar o país. Preto a dous séculos despois da fatal casualidade a extensión dos eucaliptais ocupa case unha sexta parte do territorio galego.
Por iso, aproveitando a efeméride, un numeroso grupo de entidades e colectivos do sector agrario e de protección do medio ambiente natural, que vén petando na conciencia da representación política ou da autoridade institucional dende fai anos co nome de  “Cousas de Raíces”, lanza unha campaña en defensa do bosque autóctono baixo o lema de “eucalipto cero, como en Europa”; propoñendo adoptar seis medidas urxentes que permitan salvar as especies arbóreas propias.
Para quen sabe diso, científicos que teñen avaliado a situación, aquelas especies exóticas que apareceran como elemento decorativo no Pazo de Rubiáns, no Gran Hotel de A Toxa e outros lugares ao xeito,  son agora problema pola repoboación masiva con eucaliptos que tivo lugar no franquismo tardío; tempo no que deixaron de potenciar o cultivo do piñeiro pasando a subvencionar o desta especie foránea. Coa achegas económicas, o rendemento da planta, o abandono das terras do rural e o alto prezo pagado polas papeleiras a vía expansiva representou un foco de atracción irresistíbel. No último cuarto de século, para conquistar novos territorios, impúlsase unha nova variedade resistente ás xeadas e á altitude: Eucaliptus nitens.
Velaí unha das medidas que se piden: prohibir esta variante que sen estar catalogada como especie exótica e invasora, si o é. A esta proposta, súmanse a de establecer unha moratoria para novos plantíos do eucalipto, do mesmo xeito que vén de acordarse en Portugal; poñer freo aos novos cultivos enerxéticos do Plano Forestal de xeito que o aproveitamento da biomasa para esta finalidade sexa parte da política de prevención dos incendios e serva de apoio aos tratamentos silvícolas no obxectivo de incrementar o volume de madeira de alta calidade.
Piden tamén o cumprimento da lei para evitar converter terras agrarias e hábitats de interese, en forestais; unha medida fiscal “verde” para o eucalipto e a promoción dos aproveitamentos sustentábeis dos bosques naturais. Aínda estamos en tempo de frear o efecto inesperado da primeira plantación, fose cousa de Frei Rosendo ou viñese, como semella foi, das terras lusas.  

O eucalipto de Frei Rosendo

Te puede interesar