domingo 16.02.2020

Memoria teimosa e férrea

limentar e manter viva a Memoria Histórica Democrática é fundamental, non só polo que representa de rehabilitación das vítimas do franquismo, reivindicando con iso a verdade, xustiza e reparación moral á que teñen dereito; senón, tamén, polo que serve para reafirmar os principios e valores cívicos e de avance social polos que padeceron morte, persecución ou aldraxe; base actual do noso sistema de convivencia e participación política. Lembranza necesaria, a destas vítimas; como pedagoxía esencial para informar e orientar ás xentes de hoxe en día e ás do futuro; dotando de valor didáctico aos lugares da infamia con paneis divulgativos que informen e acheguen luz ao homicidio político alí perpetrado. Para iso, un grupo de persoas e colectivos vilagarciáns promoveron unha Iniciativa Cidadá pola Memoria Histórica, aberta, plural e nacida do voluntariado altruísta, co propósito de ir enchendo de recordo visual e valor de memoria a eses espazos que no territorio da contorna municipal foron marcados coa sangue das vítimas mortais caídas pola actuación das bandas paramilitares acaudilladas polo movemento militar sublevado, en golpe de estado ilícito, enfrontado á lexitimidade dun réxime democrático escollido coa vontade da libre votación en urna. Marcar a ruta da infamia, aínda inacabada, que cobrará renovado alento coa celebración do anual encontro de compromiso coa causa, no xantar da memoria, para seguir construíndo ese itinerario necesario de lección histórica nun percorrido de coñecemento cidadá.
Poñer fin de vez a unha anomalía histórica que persiste malia proclama institucional que, con forma de lei, comprometeu “recoñecer e ampliar dereitos a favor das persoas que padeceron persecución ou violencia, por razóns políticas, ideolóxicas durante a Guerra Civil e a Ditadura franquista; e promover a súa recuperación moral, persoal e familiar”.  Mandato, mesmo ampliado noutras normas autonómicas, que non é correspondido desde a responsabilidade institucional que debe velar polo dereito das vítimas. Non debe estrañar que nun informe da ONU se teña criticada a crueldade do trato ás vítimas sinalando que “o Estado español incumpre de xeito sistemático a normativa internacional de Dereitos Humanos, violentando gravemente o dereito á verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición das vítimas dos crimes contra a humanidade cometidos durante a ditadura franquista”.  Para situar a cerna da valoración xurídica, lembra que o golpe militar que “depuxo ás autoridades lexítimas da Segunda República e impuxo violentamente aos españois o réxime ditatorial franquista que executou un plan de exterminio co que de forma sistemática se vulnerou os máis elementais dereitos humanos de centenares de miles de persoas perante máis de corenta anos: desaparecidos, fusilados, nenos roubados, vítimas do traballo escravo e de malos tratos e abusos en campos de concentración, en cárceres, en comisarías, en cuarteis; torturados, exiliados, perseguidos; formas específicas de represalia feminina como foi o rapado, a violencia sexual” e un longo abano de técnicas de castigo atroz. Memoria democrática. .

Memoria teimosa e férrea
Comentarios