O dedo que sinala a lúa

ando o sabio sinala a lúa, o necio mira o dedo. Frase mítica que é atribuída a sabedoría de Confucio. Respecto da autoría, tómese coa debida reserva e aplíquese a fórmula dun retranqueiro home do tempo na televisión galega para non fallar a respecto da previsión meteorolóxica: Poda que chova e poda que non chova. Por iso, a cita poda que sexa do filósofo fundador dunha relixión oriental e o máis probábel será que non lle corresponda o dereito intelectual sobre dela. En todo caso, aquí interesa o seu sentido metafórico a respecto do aspecto moral da sentenza. E, precisamente, non na liña da impresión que prima a cualificación do que se supón comportamento necio, senón todo o contrario. Porque na creación de estados de opinión pública o dedo sinala obxectivos para desviar a atención e o que resulta intelixente é mirar á liña do dedo condutor.
Paradoxo é, casualmente cando se está a dar un fenómeno visíbel nestes pagos territoriais  de eclipse luar, que as grandes orientacións da prensa internacional tiren da memoria do innegábel avance que representou para certos ámbitos da ciencia e da tecnoloxía a histórica pisada dun ser humano no satélite Lúa. Daquel “un cativo paso para o home, un gran salto para humanidade”, estudado titular no guión que deseñaron para o diálogo do astronauta que ía pisar o ermo chan do satélite, nada proba que, alén do negocio da industria espacial, a xente desta planeta Terra teña tirado proveito na súa vida cotiá do feito.
Así, a cousa non é para tanto rebumbio actual de non mediar esa perversa técnica de impoñer unha axenda de comunicación baseada na explotación de casuísticas, narrativa e imaxes que aparten á xente do interese e preocupacións pola problemática soportada nesta sociedade cargada de situacións inxustas derivadas da maneira na que os poderosos son capaces de estender un xeito eficiente de adurmiñar á cidadanía dócil. 
Vese, tamén, que o noso comportamento está máis pola frivolidade que polo asunto serio. Para mostra, ese fenómeno de irresponsabilidade e temeridade persoal que fai difusión con imaxes tomadas no Monte Neme, espazo da Costa da Morte gravemente deteriorado polo seu pasado de explotación mineira e de granito que, por desleixo da propiedade e intolerábel permisividade da administración ambiental, constitúe un foco de perigo tóxico para o seu entorno natural.
Maltrato do territorio, ataque á diversidade incapaz de sobrevivir en lugares de bioloxía imposíbel pola súa contaminación e amenaza para a saúde de persoas e animais nun espazo sen protección axeitada. 
No entanto, co foco proxectando a luz sobre o anecdótico, o Goberno da Xunta busca aprobar unha nova Lei de Patrimonio Natural que ten o rexeitamento total dos grupos ecoloxistas e da oposición parlamentaria. O dedo sinala cara outro lado. Menos mal que nos queda a prensa local.   

O dedo que sinala a lúa

Te puede interesar