Conmemórase o centenario do nacemento da Unión Astronómica Internacional, entidade científica con máis de dez mil astrónomos profesionais, traballando en colaboración por máis de cen territorios estatais do planeta, para promover e salvagardar a astronomía en todos os seus aspectos; incluíndo a investigación, comunicación, educación e desenvolvemento, a través da cooperación internacional. É a organización científica que ostenta a autoridade recoñecida para asignar designacións a corpos celestes e ás características de superficies neles. Por iso, estando como están de festa redonda, idearon unha campaña mundial, Name Exo Worlds, que permite a cada súa representación estatal dar nome a unha estrela cun exoplaneta asociado. Unha escolla que, paro o caso español, fica aberta na rede de internet ata o próximo 12 de novembro cunha ducia de propostas, entre elas dúas galegas que están a chamar polo voto da xente no seu favor.
Meu dito, meu feito. Aberto o proceso da internacional dos astrónomos, a Fundación Rosalía de Castro en parcería coa Agrupación Astronómica Ío, veñen promovendo unha campaña para darlle o nome da máis universal das escritoras galegas á estrela HD 149143, e ao tempo nomear ao seu exoplaneta HD 146143b como Río Sar. Engádese, tamén, proposta de nomes adicionais para outros posíbeis exoplanetas: Lestrove, Laiño, Conxo, Bastabales e aínda outros máis.
Campaña activa nas redes sociais para apoiar o obxectivo procurado que se sintetiza así na web “nombraexoplanetas.es”, lugar de recollida das votacións: “Escritora en lingua galega e castelá, Rosalía de Castro (1837-1885) é, sen discusión, a figura máis importante da cultura galega, pero tamén unha das escritoras máis destacadas das letras españolas. Os seus libros de poemas “Cantares galegos” e “Follas novas” son o máis elevado fito das letras galegas, pero non é menos importante a súa obra en castelán, de “Nas beiras do Sar” a súa moi valiosa obra narrativa. A obra de Rosalía é revolucionaria na forma, pero tamén no fondo; o seu discurso, contrario a toda caste de inxustiza, é inequivocamente feminista e intelixentemente ecoloxista na súa defensa e amor pola natureza, moi visíbel na súa obra, igual que tamén está moi presente a noite e os obxectos celestes”. Os promotores lembran que “a noite, símbolo a miúdo da soidade e desgraza, é tamén refuxio e compañía para a autora; e a Lúa e as estrelas parte dos seus sentimentos máis íntimos”.
Breogán, para nome do astro; e Ith, para exoplaneta, é a outra proposta galega á hora de escoller nome para esa estrela anana amarela, descuberta en 2005, idéntica ao noso Sol, situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario, referencia ás serpes que agardemos non envelenen a ilusión en ollar no firmamento celestial unha estrela chamada Rosalía. Estamos chamados a votar unha proposta galega; nas dúas convocatorias en curso. Aquí e acolá.