Poesía para reflexionar

Velaí vén, petando xa na porta, a celebración do Día Mundial da Poesía conmemorado cada 21 de marzo, que chega co anuncio da boa nova de ver ao noso Xurxo Alonso premiado en Guitiriz co solemne certame de poesía “Xosé María Díaz Castro”. Deste xeito, a lembranza do fenecido autor de “Nimbos” retorna á Vilagarcía que recorda o seu fundamental paso polas aulas do histórico Colexio León XIII na década dos anos corenta. Na consideración do xurado, as “Oracións profanas” de Alonso representan unha “selección léxica admirable, que tece o verso nun laio clamoroso a través do cal xira visita aos grandes temas da poesía de todo tempo e do noso tempo”; polo tanto fai propia a esencia da forza reflexiva que contén esta linguaxe simbólica única.
A proclamación desta data, reivindicando o papel da poesía como patrimonio cultural da humanidade, foi decisión da UNESCO, raiando o comezo do actual milenio, fixando deste xeito o obxectivo de contribuír na potenciación da diversidade lingüística a través da expresión poética e dar oportunidade ás linguas ameazadas de manterse no código de comunicación como vehículo de relación entre as persoas, no ámbito oral ou escrito, sostendo a personalidade e a identidade colectiva das súas comunidades respectivas. Por iso, intentan que nesa data se promova o ensino da poesía, fomentar a tradición oral dos recitais poéticos, axudar institucionalmente ás pequenas empresas editoriais; crear unha imaxe atractiva das poesía nos medios de comunicación fuxindo da falsa imaxe dun xeito arcaico de creatividade literaria para poñer en valor e transmitir os seus atributos máis útiles, como fonte de reflexión que ademais crea unha ponte de relación virtuosa con outras manifestacións artísticas; caso dos teatro, da danza, da música ou da pintura.
Porque “a poesía é unha manifestación da diversidade no diálogo, da libre circulación das ideas polo medio da palabra, da creatividade e da innovación. A poesía contribúe á diversidade creativa ao poñer en cuestión de maneira sempre renovada a forma en que usamos as palabras e as cousas; e tamén nos nosos modos de percibir e interpretar a realidade. Grazas ao seu método empregando asociacións, metáforas e unha gramática singular, a linguaxe poética constitúe, pois, outra faceta posíbel no diálogo entre as culturas”, así valorada pola institución promotora.
Poesía para cantar na iniciativa que levaran Os Diplomáticos de Monte Alto á Casa Museo de Manuel María; a escolla de Xoana Torres para ser obxecto da dedicación desta efeméride pola Real Academia Galega, da que formou parte ata súa morte, nun acto literario e cultura dos académicos da lingua; suman causa coa “poderosa voz oracular que destila a trintena de poemas”, da obra de Xurxo premiada, “un libro de resonancias épicas”. Poesía para reflexionar. 

Poesía para reflexionar

Te puede interesar