Que se vexa o patrimonio

ntre os obxectivos fixados polas institucións da U.E. coa celebración do pasado Ano Europeo do Patrimonio Cultural, propúxose “animar a máis persoas a descubrir e comprometerse co patrimonio cultural europeo” e, tamén, a reforzar así o sentimento de pertenza a un espazo territorial e civil común. O lema escollido dicía que o noso patrimonio é onde o pasado se atopa co futuro. Por iso, é de xustiza atender o pedimento que a Rede do Patrimonio Cultural galego está a facer, nas redes sociais,  coa campaña “que se vexa o patrimonio” para exercer lícita presión sobre a Compañía da Radio Televisión de Galiza na demanda de incluír programación específica ou incremento da presenza nos actuais espazos televisivos, esixencia fixada pola propia Lei de Creación da CRTVG e polo mandato do Estatuto de autonomía ao que debe sumarse a política comprometida no marco europeo, e mesmo internacional, porén nunca atendido polo ente público.
A rede, militante na defensa do patrimonio galego, está constituída por máis de sesenta entidades que representan á pluralidade dos intereses do patrimonio cultural, sexa cal for a súa localización no  territorio do país. Asociacións locais, comarcais, de carácter temático ou que abranguen a totalidade do ámbito galego suficientemente representativas do tecido cultural para ser tomada en conta nunha reivindicación que lembra o mandato legar polo que se atribúe á CRTVG “a misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso aos distintos xéneros de programacións e aos eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a todos os segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais, científicos e técnicos mediante toda clase de emisión en lingua galega” realizadas por esta compañía directamente o polas diferente empresa do grupo. 
Porén, dende a creación fai trinta e cinco anos do ente galego de comunicación radiofónica e televisiva pública, polo que atinxe ao patrimonio de base material ou inmaterial do país, nunca xamais se contou con programas que se ocupasen especificamente de divulgar o valor do Patrimonio Cultural Galego  ficando este “relegado a micro espazos dentro de programas culturais e informativos onde se daba conta de eventos relacionados con el, pero nunca ocupándose con periodicidade regular do mellor coñecemento do patrimonio artístico, histórico, arquitectónico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental, bibliográfico ou mesmo inmaterial”.  E xa vai sendo hora de mudar os criterios e as políticas que corresponde desenvolver a un medio de comunicación audiovisual de carácter público financiado cos recursos orzamentarios da xente que demanda o cumprimento do fin social que xustifica a súa existencia. 

Que se vexa o patrimonio

Te puede interesar