Rexas, mulleres vítimas da barbarie

eixa é substantivo feminino que expresa ese conxunto formado por barras de ferro paralelas ou cruzadas, que se pon como protección nas ventás, como cerrado nas casas e como barrotes das prisións. É dicir, imaxe icónica do fenómeno da cadea e da privación de liberdade. Rexa, en feminino, é palabra que indica a calidade das mulleres que teñen forza, que actúan con vigor. Por iso, a mostra didáctica de paneis divulgativos que promoveu a Deputación de Pontevedra baixo o título de “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”, froito da labor coordinadora de Montse Fajardo que tamén é autora do texto explicativo, chega por vez primeira á Comarca de O Salnés para estar perante poucos días exposta no Auditorio de Vilagarcía, amosando as múltiples formas de barbarie que o réxime nacido do golpe militar do 18 de xullo utilizou en contra das mulleres, no ámbito territorial da provincia, sintetizado nas 172 incluída no relatorio, aínda que con certeza son moitas máis as que soportaron prisión, aldraxe, persecución, depuración, morte ou exilio forzado. 
Na quebra do réxime democrático, de liberdade individual e dereitos colectivos, en realidade “todas as mulleres, mesmo as que apoiaban aos sublevados, foron vítimas dun golpe que desbotou os avances que dera a República para convertelas en cidadás de pleno dereito: voto, participación política e sindical, melloras laborais como o descanso maternal ou o subsidio para nais traballadoras, ou leis como o divorcio ou o matrimonio en igualdade. As mulleres quedaron sen dereito ningún, sometidas ás doutrinas da Igrexa e á Sección Feminina e dependendo da sinatura do home ata para vender unha propiedade ou traballar fóra da casa”. Sometemento total.
Lembremos que, entre os logros da Segunda República, acadaranse “a reforma agraria, as melloras dos dereitos da clase traballadora, a descentralización territorial, a educación pública, universal e de balde, a procura de dereitos para as mulleres, e a laicidade do Estado”, avances sociais a favor da maioría da poboación que provocaron unha reacción adversa entre os grandes propietarios da terra, do capital financeiro e de sectores ideolóxicos influídos pola crecente onda dos movementos fascistas e do nazismo que buscaron en sectores reaccionarios do exército unha intervención para sublevarse, coa forza das armas, en contra da legalidade democrática popular.
Longa noite de pedra, de atrocidades inhumanas e de exterminio programado sobre persoas comprometidas nos valores cívicos da lexitimidade nacida das urnas que se tornou nunha agresión á xente, especialmente cruel contra as mulleres nas que “a rapa do pelo ou a tatuaxe da pel non foron as únicas vexación as foron sometidas. O fascismo ideou múltiples formas de humillación cun claro carácter sexista, incluídas as violacións, que no deixaban marcas na pel nin nos papeis oficiais, perdéndose no esquecemento”.  Porén as mulleres vítimas “saíron adiante, rexas, e crearon redes de solidariedade imprescindibles para os fuxidos e tamén para as familias”.

Rexas, mulleres vítimas da barbarie

Te puede interesar