A riqueza da toponimia menor

Cultura inmaterial, no senso da acepción deste adxectivo, é a que non ten entidade física porque non está formada por corpo material porén é necesario recordar que o concepto de patrimonio cultural veu seguindo un crecente proceso de ampliación ao longo do último século. Así, do artístico e histórico, incluído o relativo aos monumentos, como valores e tipoloxías centrais, pasouse a incorporar tamén outros elementos que forman unha nova noción ampliada do que entendemos por cultura. É o patrimonio vivo que compoñen as prácticas, expresión, saberes ou técnicas transmitidos polas comunidades humanas entre as xentes que se foron sucedendo a través dos séculos e mesmo dos milenios, proporcionándolle así a ese colectivo de persoas asentadas nun determinado territorio personalidade de seu, un sentimento de identidade e de continuidade herdada dos seus devanceiros. Factor fundamental no benestar social, favorecedor da creatividade, conciencia do propio que contribúe a xestión do entorno natural e do folclore común como estratexia de crecemento económico sostíbel. Vantaxes que suman tamén, nos saberes do facer tradicional e autóctono, elementos nas políticas educativas, sanitarias e de xestión dos recursos medioambientais; e por iso mesmo, resultando un ben fráxil, a sensibilidade mundial concentrada na UNESCO fixou como obxectivo a salvagarda e conservación deste tesouro de acervo vital que, malia regulación legal vixente, precisa da memoria social para existir. 

Velaí a importancia, co recoñecemento de mérito debido á iniciativa da RAG polo impulso do proxecto “Galicia Nomeada” que arrancou non fai moito tempo co propósito de recoller a pequena toponimia lembrada dos nosos lugares, leiras, devesas, fontes, penedos, veigas, corredoiras e outros currunchos do ámbito rural e tamén do mariñeiro que encherán unha necesaria base de datos que non baixará dos dous millón de alcumes e denominacións construídas na tradición oral para dar personalidade, descrición de función e utilidade ou mesmo titularidade a cada pequeno espazo que define o basto territorio deste país galego que pese a cativa porcentaxe que representa na xeografía estatal pola contra acolle un terzo de todas a entidades de poboación nunha relación próxima aos corenta mil lugares, manifestación do peculiar xeito de habitar as paraxes. A singularidade do traballo está no convite á participación de voluntariado social para realizar as labores de pescuda, escolla e rexistro documental en cada demarcación ou parroquia aproveitando o potencial que ofrecen as novas tecnoloxías á hora de participar nun magno traballo que xa conta con moito máis dun longo milleiro de persoas comprometidas que levan achegado  vinte mil novos topónimos, validados lingüisticamente polo Seminario de Onomástica da RAG.

A microtoponimia é o espello no que se pode ver a pequena historia de cada aldea porque cada nome está posto alí por algo. Herdanza colectiva de tradición oral que agora urxe ser anotada.

A riqueza da toponimia menor

Te puede interesar