Un illote asolagado

Semella tirado das páxinas que traen noticias insólitas e verdadeiramente o asunto é desconcertante, máis tan certo como que vén de saberse que se perdeu unha illa xaponesa sen que ninguén reparara na súa desaparición. Porén, para ser máis rigorosos no concepto, realmente non se trata diso que consideramos “superficie rodeada completamente polo mar ou por unha masa de auga continental” que trae memoria de grandes espazos, mesmo habitados; o elemento xeográfico que marchou é a versión en pequeno que catalogamos por illote por máis que cumpra cos parámetros de superficie de terra emerxida, rodeada por auga de mar. O devandito espazo territorial que responde ao nome de Esanbe Hanakita Kojima, unha vez constatado o accidente que o guindou para baixo das augas, ocupa xa titulares da problemática ambiental do planeta.
Intúese que a causa do afundimento está relacionada con ese efecto colateral que representa o fenómeno do cambio climático, cun imparábel proceso de elevación da temperatura media do sistema polo que leva ao desxeo dos casquetes polares; e, consecuencia diso, ao incremento do nivel do mar. Neste caso, agravado pola acción dos ventos coa súa incidencia na variación das correntes oceánicas e, con moita probabilidade, o choque dun iceberg que fundiría definitivamente este penedo que, certo é, apenas sobresaía dous metros sobre o nivel do mar. Tivo que ser un estudoso, a procura de catalogar illas singulares, o que se decatara da ausencia deste elemento orográfico. En desagravio das autoridades niponas, dicir que o tal illote é un máis dun arquipélago de preto a cento cincuenta illas, en disputa cos rusos, no que para alén da alta tecnoloxía que caracteriza a este país, todo indica que non teñen debidamente controlado. Paradoxo, abofé. 
Aquí, preto de nós, salta á prensa estatal unha alarma que xa é notoria nos medios de comunicación próximos e na comunidade científica galega: A degradación imparábel do illote do Areoso; e, consecuencia directa e moi grave diso, a perda do patrimonio da cultura megalítica que atesoura; nalgún caso únicos xacementos en espazos tan próximos ao mar. Diso dá boa conta a web Guidoiro Dixital, coa cerna posta sobre o valor arqueolóxico positivo e os aspecto negativo da erosión do litoral, con danos evidentes no espazo ocupado pola media ducia de xacementos e túmulos, os restos dunha ocupación humana que evidencia o crecemento do nivel das augas, chegando aos oito metros nos últimos sete milenios. A degradación do illote tamén se ve acelerada pola desproporcionada ocupación por multitude de persoas atraídas polas súas praias. 
A esperanzadora boa nova chega da mellora do estado na capa de ozono. Unha demostración de que se queremos, podemos mudar o adverso climático. No illote do Areoso, tamén.

Un illote asolagado

Te puede interesar