“A idea xurdiu dunha noite de abulia mirando en internet camisetas de Caramuxo”

“A idea xurdiu dunha noite de abulia mirando en internet camisetas de Caramuxo”
O complexo mundo interior de Antonio Pichel deu pe á obra gañadora

Hai tan so uns días o xurado do Lueiro Rey premiaba a novela dun xoven pontevedrés, ainda que nacido en Poio. Antonio Pichel Beleiro, un rapaz de 28 anos, carece de bagaxe literaria e recoñece que o ditame do xurado soprendeuno.
Sen embargo, a súa obra “Xente que nunca antes morrera”, engailou ao xurado. Armando Requeixo, membro do mesmo, resume no seu blog a novela como unha trama a medio camiño entre o policial, o thriller psicolóxico e o relato sociolóxico da desfeita do mundo rural.
Polo medio, engade, a descrición do esmorecemento dunha parroquia prototípica do noso rural, os secretos de aldea que se agochan para tecer redes de violencia inusitadas que só ante circunstancias extremas afloran, as lacras deixadas pola droga ou os amores e tensións sexuais entre uns personaxes que se fan cribles na vivacidade e realismo dos seus parlamentos e na forza da intriga na que as súas vidas se ven atrapadas.

Que inspirou o seu relato?
A idea xurdiu unha madrugada de abulia mirando camisolas de Caramuxo por internet. Apareceu unha que dicía: “Está morrendo xente que nunca antes morrera”. Reflexionando sobre o significado diso, ocorréuseme a historia a modo de sketch cómico (tamén influíu que por aquela época eu acaba de ver Fargo, dos irmáns Coen). Logo fun engadindo ideas de varios lados.

Este é o seu primeiro traballo literario? Tense presentado a outros concursos similares?
Literario? Non me atrevería a chamarlle tal. É un texto. Fixen outros máis breves, algúns presenteinos a concursos de relato curto, pero sen éxito. En calquera caso, non escribín moito; eu son lector.

Que tipo de dificultades atopou?
A preguiza. Por desgraza, tiven todo o tempo do mundo para escribir ese texto, e aínda así, apenas lle adicaba tempo. Ao final, remateino a correr para envialo ao concurso porque necesitaba sacalo de diante.

Cando lle ía dando forma a ese traballo pensou que podía resultar ganador?
Pensei de todo, tendo a fantasear bastante, pero non traballaba o texto o suficiente. Cando o acabei, pensei que era imposible que gañase.

Utiliza a escritura como xeito de desafogo?
Si. Eu non son escritor. Non teño técnica nin oficio. Se as cousas fosen ben, nunca escribiría o texto. Tomei moi malas decisións que me levaron a unha situación de crise persoal. Necesitaba unha vía de escape. O texto xurdiu da miña propia miseria.

Recomenda esta práctica?
Non sei. Cadaquén pasa as súas crises como pode.

Este premio anímao a seguir traballando a nivel literario?
Polo de agora non. Teño outras prioridades.

Por que recomendaría a lectura do seu libro?
Nunca o faría.

“A idea xurdiu dunha noite de abulia mirando en internet camisetas de Caramuxo”

Te puede interesar