Baltar convertirase en escenario do II Concerto pola Lingua que ofrecerán “Ruxe ruxe” e “Pelepau” o vindeiro sábado, a partir das 22 horas. Foi no 2016 cando o departamento de Cultura puxo en marcha o I Concerto pola Lingua coa intención de apostar pola dinamización e uso da lingua galega en todos os ámbitos. Non cabe dúbida que o galego está presente nos momentos de lecer e que mellor oportunidade para desfrutar del que sexa a través da música. Tras o éxito da primeira chega unha segunda edición a través da liña de subvención da Deputación de Pontevedra para a promoción e desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega pola que recibe unha axuda de máis do 50 % do orzamento.
“Ruxe Ruxe” é unha das bandas senlleiras do punk-rock galego con xa máis de duascentas cancións orixinais publicadas na lingua de Rosalía e Castelao. Dende os seus inicios no ano 96, teñen no seu haber 11 LP´s no mercado, tres deles editados nos últimos tres anos e un feixe de cancións en recopilatorios e bandas sonaras o que os convirte en todo un referente da creación musical galega e en galego. Ademais de discos Ruxe Ruxe contan cun documental.
Ruxe Ruxe foi, é e será unha banda de culto. As súas cancións son banda sonora en películas, anuncios de TV e programas deportivos. Son xa parte fundamental da música en galego. Tocaron en incontables festivais e fixeron xiras que os levaron polos mellores escenarios de España, Portugal e Italia. “Pelepau” nace en Vigo, no ano 2010, formado por 12 percusionistas todos eles mestres en escolas e agrupacións de música e danza tradicional galega e de recoñecida traxectoria no panorama musical galego. Fío e agulla é o título do último disco que vén de editar o grupo no que fan unha adaptación de cantigas populares de diferentes procedencias (galegas, brasileiras, uruguaias, sefardíes, africanas,…) adaptadas para as voces e percusións tradicionais cunha posta en escena dinámica e en constante interacción co público. Un percorrido pola música popular galega, mesturada e influenciada polos ritmos tradicionais doutras culturas que viñeron da man dos emigrantes retornados e que aínda conviven na colectividade emigrante galega. Trece temas, que son parte do seu repertorio nos directos festeiros por toda Galicia, que foron gravados nos estudos de membros do grupo e Suso Queixón.