“Para o Céltiga este é o derbi, o Arosa é o rival ao que máis qusta gañar na Illa”

“Para o Céltiga este é o derbi, o Arosa é o rival ao que máis qusta gañar na Illa”
Edu Charlín da indicacións durante un partido no Salvador Otero g. s.



Eduardo Charlín Rodríguez (Cambados, 24/09/1979) debuta esta temporada en Terceira División como adestrador. O cuarto máis novo da categoría con 37 anos recén cumpridos. Ascendeu ao Céltiga na súa primeira experiencia nun equipo sénior o ano pasado. Agora teno terceiro e invito logo de seis xornadas. É o equipo revelación ata agora e mañá desputa o seu primeiro derbi. Oito anos despois o Arosa volve ao Salvador Otero en liga.

- Cal é a clave do éxito neste inicio ligueiro?
- Pois que continúa unha parte importante do plantel do ano pasado, temos moitas cousas traballadas, o equipo coñece o modelo e temos claro a que xogar. Cada domingo hai no campo 6 ou 7 xogadores que xa estaban o ano pasado. Defensivamente somos rocosos, encaixamos pouco e vemos porta con facilidade. Competimos dende o minuto un ao noventa.

- Se lle din hai dous anos que ía estar adestrando ao Céltiga na Terceira non o cree...
- Estou tan feliz adestrando ao Céltiga como aos alevíns do Cambados, non estou no fútbol para ver se chego a Primeira División. Cada ano os retos son diferentes. Gústame probar se estou cualificado, hai que ser constante.

- Na Barbería PC en Cambados que rexenta, fálase moito de fútbol?
- Evidentemente si. É unha paixón que teño dende pequeniño. Veñen xogadores, ex compañeiros, xogadores do Xuven...Os clientes sacan o tema do fútbol, algúns non sabían que era adestrador e agora siguen cada semana ao Céltiga.

- No Céltiga só viviu éxitos. Está preparado para cando veñan mal dadas?
- O importante é que a afección e a diretiva estean co equipo cando veñan os malos resultados, coma fixeron o ano pasado.

- Xogou no Cambados, Céltiga, Arosa, Villalonga... Con que adestrador se queda?
- Tiven de todo, bos e non tan bos. Quédome con Roberto Cubeiro.

- Gustaríalle adestrar no futuro ao Cambados?
- Claro que si, son de aquí.

- A visita do Arosa é “o derbi” para o Céltiga?
- Si, o Arosa é ao rival ao que máis gusta gañar na Illa.

- Non vai ser doado...
- Coma todos. O Arosa é un dos mellores visitante, levan vitorias de peso en Redondela e Abegondo. É un equipo que fóra suma máis puntos que na casa.

- Que partido imaxina?
- Pois o típico derbi. Hai que estar atento ao balón parado e non deixarlles espazos porque é onde son máis perigosos.

- Que baixas ten?
- Hugo e Luis Alberto.

“Para o Céltiga este é o derbi, o Arosa é o rival ao que máis qusta gañar na Illa”

Te puede interesar