Chega a Cuntis rodeado de expectación. A fama precédeo, porque Juan Carlos Martínez Mariño non é un cura calquera. É o guitarrista da París de Oza. Ou, para ser exactos, érao ata hai só uns días. O pasado luns ofreceu a súa última actuación. “Xa colguei a guitarra”, confirma. E fíxoo da mellor forma posible: recibindo os aplausos dos veciños e fregueses de Oza dos Ríos nun man a man con París de Noia, a formación que inspirou á que debe ser a única orquestra de Galicia que presume de actuar en play-back. Agora chega o momento de pasar páxina e comezar de cero na vila do Baño. Era o que el quería. Quería cambiar de aires para non aburguesarse, di. Hoxe arraca esa nova etapa.
Como están a ser a aterraxe no seu novo destino?
Nos últimos días (dende o xoves)estiven indo e vindo para facer arranxos na Casa Rectoral, pero de momento aínda non coñezo nada da parroquia.
Vai a vivir entón na Rectoral, un inmoble que leva moitos anos sen uso. Como é o seu estado?
Leva máis de vinte anos sen vivir ninguén nela. Estaba pechada e sen uso, salvo por unha Escola Obradoiro que se fixo hai anos. Agora estamos cos arranxos, acondicionando a cociña e amoblando as habitacións. A pranta baixa exercerá de casa da parroquia, cunha sala para o meu despaxo e para a catequese, que espero que poida comezar a principios de novembro.
Como é que, dende Oza dos Ríos, acabou en Cuntis?
Pedín eu o cambio. Quería unha parroquia con mar, pero déronme unha con baños (risas).
Está xa poñéndose ao día sobre a vila?
Teño que coñecer a realidade da parroquia para poder marcar obxectivos: saber os nenos que hai na catequese, cantos catequistas... Cando leve aquí unhas semaniñas poderei empezar a organizar e traballar.
Pero hai uns anos xa estivera en Cuntis, non si?
Hai 17 anos estiven nun campo de traballo. Foramos limpar os restos da casa onde naceu a Monxa do Penedo, sobre a que o ano pasado se fixo aquí o primeiro congreso. O alcalde avanzoume que o segundo será o vindeiro 26 de outubro. A última hora da mañá haberá unha visita ao Penedo, para ver os restos da casa da monxa, e pola tarde os congresistas desprazaranse a Santiago, a diferentes lugares relacionados coa relixiosa, e achegaranse ao convento das Carmelitas do que ela foi fundadora.
Polo que comenta, xa tivo ocasión de coñecer ao alcalde, que impresión lle deixou?
A impresión foi moi boa. Parece un rapaz dinámico, ao que lle gusta facer cousas. Lin que quería poñer a Cuntis no mapa, un obxectivo que deberían ter todos os alcaldes, sobre todo nos pobos pequenos e pouco coñecidos.
Unha non pode deixar de preguntarlle pola súa faceta de músico na orquesta París de Oza. Como se lle deu por botar man da guitarra?
Foi nun Entroido cando xurdiu a idea de facer unha parodia da París de Noia e de aí foi medrando a cousa, tocando en pobos pequeniños nos que cada vez é máis difícil xuntar cartos para pagar as orquestras. Nos íamos só polos gastos, ou polo caldo...
Iso si, en play-back
Todo en rigoroso play-back. Nós niso non mentiamos para despois non levar unhas pedradas.
Saberá que Cuntis tamén é terra de bos músicos
Si, sí... unha gran orquestra os Cunters, moi famosa. Pero estes non eran en play-back (risas).
E para cando a París de Cuntis?
Polo de agora non. Dentro duns anos xa veremos...
A despedida que lle brindaron en Oza tivo que ser apoteósica. París de Noia e París de Oza fronte a fronte...
Fixeron unha gran festa en Oza coas dúas “Parises”. É de agradecer porque eu non esperaba ese gran despliegue, cunha churrascada e un dúo chegaba. Esa foi a miña última actuación, xa colguei a guitarra.
Como tomaron os fregueses a súa decisión de marchar?
Respetáronme. Quitando algún que me dicía que onde ía estar mellor... Despois de sete anos todos os cambios son bos para que un non se aburguese. Do contrario un acaba facendo pastoral de mantemento. Está ben manter o que hai, pero tamén hai que ser creativos e facer cousas novas.
Renovar parece que é tamén o obxectivo do Papa Francisco
As súas declaracións son as declaracións da Igrexa, so que el di as cousas máis directas e máis claras que anteriores pontífices. Está ven falar nunha linguaxe que a xente poida entender. n