A Liga Nacional de Billarda na conferencia das Rías Baixas chega mañá por primeira vez a Vilagarcía. Pendentes da posible choiva, os participantes de todas as idades xogarán a partir das 16 horas ben no estadio de atletismo de Fontecarmoa se a climatoloxía así o permite ou ben no pavillón de Guillán en caso de que a choiva se faga protagonista. A Liga Nacional de Billarda reuniu nas anteriores dez probas do seu calendario a máis de setenta participantes de media, o que fala do crecemento que experimenta nos últimos tempos este deporte baseado nun xogo tradicional que se practica dende a idade media en Galicia.
A billarda é un pau pequeno con dúas puntas que se golpea con outro pau máis grande (palán) en dúas accións encadeadas, primeiro para levantala do chan e a continuación para lanzala o máis lonxe posible. O obxectivo é chegar a superar coa billarda a liña do varal no menor número de golpes. Para isto os palanadores e as palanadoras (que é como se chama aos xogadores e ás xogadoras) sitúanse na zona de saque e desde alí golpean a billarda. A orde de golpeo é consecutiva e por quendas
A competición da LNB Rías Baixas xógase por equipos, un total de 9 masculinos e 7 femininos, e tamén de forma individual, polo que ao ser unha liga aberta pode xogar calquera que queira, aínda que non xogara antes nin forme parte dalgún equipo. De forma que toda persoa que se presente mañá en Vilagarcía poderá anotarse e participar nesta xornada, ben ao aire libre ou baixo teito no pavillón de Guillán.