O salesiano detido poderíase enfrontar a novas denuncias de máis supostas vítimas

O salesiano detido poderíase enfrontar a novas denuncias de máis supostas vítimas
Diario de Arousa-2019-07-25-009-2540072b

O salesiano do colexio María Auxiliadora de Vigo investigado por supostos abusos sexuais a menores nun campamento en Cambados enfróntase a catro presuntos delitos por outras catro denuncias, pero podería haber máis. 

Fontes xurídicas confirmaron onte que o caso instruía polo de agora dilixencias por eses catro supostos ilícitos, despois de denuncias doutros tantos pais. Dos catro supostos delitos de abusos sexuais a menores, dous serían tamén continuados, confirman dende o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). 

Porén, fontes da investigación informaron a EFE que outros dous pais terían previsto presentar denuncia en breve, polo que estas poderían sumar ata seis se finalmente se confirman. 

En prisión e sen fianza
A toma de declaración do salesiano investigado tivo lugar entre as nove e as once da noite do pasado martes no xulgado de garda de Cambados. Durante a tarde, tamén se tomou declaración a catro menores. Finalmente, o xulgado ditou para o encausado prisión provisional, comunicada pero sen fianza. 

Antes, o acusado, S.C., duns corenta anos, acollérase en Comisaría ao seu dereito a non declarar, tras ser detido por axentes da Policía Nacional. 

Os supostos feitos producíronse na pasada fin de semana, cando o home acompañaba a alumnos do colexio vigués durante un campamento na vila cambadesa. Foi un grupo de menores o que, o sábado pola mañá, comunicou a outros responsables do colexio supostos “comportamentos inaxeitados”, en palabras do propio centro.

O colexio apartou de inmediato ao salesiano do contacto con máis mozos e abriu expediente informativo, ademais de reunirse cos pais e porse a disposición da autoridade policial e xudicial para esclarer os feitos.

O salesiano detido poderíase enfrontar a novas denuncias de máis supostas vítimas

Te puede interesar