O alcalde do Grove, Miguel Ángel Pérez, saiu onte á palestra para falar claro sobre o edificio administrativo, un inmoble sobre o que pesa dende a semana pasada unha orde de derrubamento por parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
O rexedor municipal ten moi claro quen é o único culpable da complicada situación que está a vivir o Concello e apunta directamente ó voceiro socialista, José Antonio Cacabelos. Pérez asegurou que “foi el o que fixo a polémica adxudicación da obra e o que fixo certificacións duns traballos que aínda non se executaran, falseando documentos públicos”. Do mesmo xeito, lembrou que o socialista está imputado por este caso por saltarse todos os procedementos “poñendo en risco a este Concello e incluso a súa viabilidade”.
Así, apuntou que foi el quen decidiu dar o proxecto a seu irmán e preguntou onde está a ética que o socialista pide ós demais nese tipo de actuacións.
Despois de coñecer a noticia da orde de demolición por parte da administración autonómica, Pérez considera que Cacabelos “perdeu una ocasión para estar calado” e criticou a actitude do socialista, xa que “en vez de explicar o que fixo no seu mandato ou de tratar de defenderse adicouse a insultarme e a dicir que entre o Concello e a Xunta hai pouco menos que unha conspiración para facerlle dano”.
Así, aproveitou a ocasión para lembrar que o concelleiro socialista leva tres anos desaparecido no Concello, polo que cre que “para dicir iso mellor que seguise calado”.
Pérez explicou que os servizos municipais están xa traballando para utilizar todas as ferramentas que a lei pon á súa disposición para evitar a demolición, xa que considera que é o responsable. Pero o alcalde advertiu que da forma de proceder de Cacabelos neste caso “pódense derivar moitas responsabilidades e non imos deixar pasar ningunha delas”.
Por outra banda, o rexedor municipal explicou que é consciente de que a administración autonómica pode comezar a impoñer multas coercitivas para que o Concello cumpra a resolución, como xa fixo no caso de O Sineiro, pero destacou que o que vai facer o actual goberno vai ser intentar “defender os intereses desta Casa porque é a nosa responsabilidade”.
subvención
Un dos temas que preocupa ós responsables municipais é a posible perda da subvención concedida no seu día para a construción do edificio administrativo, que ascendeu a 700.000 euros.
Pero a administración local non é a única que está preocupada por esta cuestión, xa que dende a Dirección Xeral de Administración Local (entidade que concedeu a axuda) xa contactaron cos responsables municipais para analizar este caso.
Deste xeito, o alcalde do Grove considera que a situación actual, provocada pola mala xestión de José Antonio Cacabelos, non é unha cuestión menor, xa que pode incluso poñer en risco a viabilidade do Concello do Grove. n