Revenidas aposta polo labor social, a música de orixe e a gastronomía

Revenidas aposta polo labor social, a música de orixe e a gastronomía
Roda de Prensa Festival Revenidas_Vilaxoán_Parque Doña Concha

“Non hai experiencia musical máis bonita que tocar en Vilaxoán co vento mareiro de fronte”. Con estas palabras definía o polifacético Xurxo Souto o que un artista sente cando se sube ao escenario de Revenidas. O Festival das Linguas puxo onte o seu contador a cero na presentación oficial do programa de actividades que estivo plagada de personalidades locais, provinciais e autonómicas.
Foi Xoán Quintáns, director de Revenidas, o encargado de destacar a fusión internacional coa local no listado de concertos e de actuacións musicais. De feito ao escenario de Vilaxoán subirán nomes como Skinred, Riot Propaganda ou Bohemian Betyards que se fusionarán con nomes con selo puramente galego como Terbutalina, Dakidarría ou De Vacas. En total case 30 bandas consagradas que se caracterizan este ano por estar, na súa meirande parte, promovidas e lideradas por “mulleres bravas”.
A música non é o único selo de identidade de Revenidas, “ese festival que empezou dun xeito moi popular e que un grupo de mozos levaron ata o que é hoxe”, recordaba Souto. O programa inclúe tamén unha gran Gala do Circo no espazo empedrado do parque de Dona Concha, así como concertos a bordo do “Chasula” ou unha Zona Dub na praia.
Aposta polo patrimonio 
Mentres que a concelleira de Cultura de Vilagarcía, Sonia Outón, destacou a Revenidas como “unha das citas máis esperadas de todo o ano”, o deputado provincial Xosé Leal incidiu na proposta de concertos a bordo no medio da Ría como “unha viaxe para promocionar o noso patrimonio marítimo e tamén a música en galego”.
     Foi o presidente de Agadic, Jacobo Sutil, o que definiu a Revenidas como o “festival pioneiro en promover a simbiose entre a gastronomía e a música”.
    Pola súa banda a presidenta da Deputación, Carmela Silva, recoñeceu que Revenidas é “un festival distinto dentro de todos os que se enmarcan no selo dos Rías Baixas, dado que ten un fondo compromiso solidario”. A mestura de orixes e a aposta polo talento feminino galego no ámbito musical foron algunhas das cuestións destacadas pola presidenta provincial. O encargado de pechar o acto dende o sector institucional foi o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que apuntou a que “hai anos moitos pensarían que aqueles mozos eran uns tolos por meterse nun proxecto así, pero o tempo acabou dándolles a razón” e incidiu no especial que é Vilaxoán e no “sentimento” que irradian con Revenidas.
A forza de todo un pobo
Xurxo Souto definiu á perfección o que é Revenidas para Vilaxoán, un festival no que de principio a fin colabora todo o pobo e donde “incluso hai actividades os domingos, cando noutros festivais é o día da resaca”. Souto arrancouse con varias pezas para reivindicar a historia do “Vilaxoán Canta” e animou a participar nun evento que encherá de cultura este recuncho da ría os días 18, 19 e 20 deste mes.
    O certo é que o programa de Revenidas vén repleto de actividades tanto gratuítas como os xa coñecidos concertos de pago. A música chegará a todas as partes de Vilaxoán, así como tamén a gran sardiñada popular. Os abonos xa están á venda na páxina web de Revenidas e tamén o cartel completo cun sinfín de bandas que traerán o mellor dos estilos musicais máis seguidos. l

Revenidas aposta polo labor social, a música de orixe e a gastronomía

Te puede interesar