No Fogar do Maior de Caldas onte non era día de dieta. Houbo vía libre para as calorías e para saborear os doces tradicionais destas datas: orellas, filloas e bandullo. Por noveno ano celebrouse o concurso de postres típicos de Entroido ao que concurriron un total de 17 participantes que demostraron a súa boa maña na cociña. Ben que o fixeron porque o resultado non merece outro calificativo que o de delicioso. Mención especial, como non, para as gañadoras: Encarnación Ferreirós Otero, que elaborou o mellor bandullo; Carmen Mondragón Castro, que se confirmou como unha mestra das filloas; e Asunción Suárez Marzoa, que amasou unhas riquísimas orellas. As tres tiveron premio culinario, unha cesta con todos os produtos necesarios para preparar unha boa laconada.
Carmen Fernández, Lorenzo Núñez (presidenta e secretario de asociación de pensionistas) e a reposteira xubilada María Teresa Barreira Eiras exerceron de xurado e tiveron o privilexio de ser os primeiros en degustar os manxares presentados ao certame. Despois houbo filloas, orellas e bandullo para todos. As arredor de sesenta persoas que acudiron ao Fogar do Maior deron boa conta das viandas mentras botaban unha partida ás cartas ou estaban de “cháchara” cos amigos e veciños. E hoxe pola tarde seguirá a festa. Será no Hotel Sena, onde terá lugar a partir das 19:30 horas un baile de Entroido para os maiores. Haberá concurso de disfraces con premios para as mellores e máis inxeniosas vestimentas individuais, por parellas e de grupo.