Unha nova tubaxe rota, unha nova inundación: A terceira vez en tres anos que o colexio Viñagrande de Deiro sufre de anegamento polo deficiente estado da rede de fontanería. Así o denunciaba onte o claustro de mestres, tras unha noite no que a rotura dunha pequena conducción nos baños da planta superior filtrou auga polos teitos, derribando placas do falso teito, escorregando ata o chan do baixo e danando ao seu paso capinterías, portas, rodapés, taquillas, mobiliario e ata ordenadores.
A situación foi tal que a Xefatura Territorial de Educación deu orde de suspender as clases onte, decisión que afectou a uns 150 alumnos. E iso a pesares de que o mal maior puido evitarse. A rotura produciuse a última hora do martes e pasadas as 22 horas da noite percatouse do acontecido o conserxe, que procedeu ao peche da auga.
Problema reiterado
Onte pola mañá acudiron ao centro o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, así como o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán. Técnicos da Xefatura de Educación tamén acudiron para elaborar un informe, que poder presentar ante a aseguradora do centro.
Polo de pronto, foron os operarios municipais os que se fixeron cargo da retirada das pezas danadas do teito e procederon a unha reparación de urxencia do tramo de tubaxe afectada, que conecta un lavabo coa rede. Foi prácticamente o mesmo que ocorría en outubro de 2016, a experiencia máis recente que onte lembraban os mestres.
Estes, cansos de aturar a situación, reuníanse de urxencia co Consello Escolar para esixir das administracións, “dunha vez por todas”, inversións. Partidas coas que poder cambiar, este verán, a fontanería, así como os sanitarios, que “dan verdadeiro noxo”, ata o punto de que “o propio alumnado rexeite a utilización dos baños polo seu estado e mal olor”. “Entendemos que a situación actual ataca á dignidade humana do propio alumnado”, subliñan.
Lembran que o propio colexio vén financiando nos últimos anos unha boa parte das melloras en infraestruturas, grazas á colaboración da comunicade educativa e dos pais, a través de concursos, premios e convocatorias. Pero urxen unha reforma integral dos baños e carpinterías. A ANPA reuníase á noite de urxencia.