Máis de 200 pemes galegas desenvolven proxectos innovadores no Conecta Peme

000000000000000
|

Máis de 200 pequenas e medianas empresas galegas participan en proxectos innovadores que mobilizan máis de 40 millóns de euros en Galicia no marco do programa Conecta Peme. Esta iniciativa, da cal a Consellería de Economía e Industria ten resolto dúas convocatorias en tan só seis meses, fomenta o desenvolvemento de proxectos de colaboración entre tres e seis empresas e que conten coa participación de, polo menos, un centro tecnolóxico ou de investigación.

O programa Conecta Peme, que obtivo unha excelente acollida nas empresas, forma parte da estratexia de innovación aberta que, coa participación dos axentes do Sistema Galego de I+D+i, persegue a Xunta co obxectivo de impulsar a transferencia de resultados ao mercado de cara a incrementar a competitividade do tecido empresarial galego.

Proxectos apoiados

Entre os proxectos apoiados atópanse iniciativas como o desenvolvemento de novos produtos no eido da viticultura, a mellora no fileteado de sardiñas e outras especies, ou a aposta por cidades máis sostibles.

Estas actuacións supoñen unha innovación disruptiva e, sobre todo, presentan unha importante capacidade para xerar rendibilidade no mercado e, en consecuencia, contribuír ao crecemento económico da comunidade galega.

Non en van, as dúas convocatorias do Conecta Peme xeran preto de 500 postos de traballo en Galicia, configurándose ao mesmo tempo como a mellor vía para o acceso á innovación do tecido empresarial galego, composto nunha gran parte por pequenas e medianas empresas. Neste sentido, preto do 80 por cento das empresas participantes na segunda convocatoria son pequenas.

O programa desenvólvese no marco da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia – RIS3, a folla de ruta da innovación en Galicia nos vindeiros anos.

Esta Estratexia abrangue tres retos: un novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación, un novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento; e un novo modelo de vida saudable cimentado no desenvolvemento tecnolóxico.

Nesta liña, préstase especial atención aos proxectos relacionados con estes ámbitos, destacando a aposta por un novo modelo industrial.

Así mesmo, o Conecta Peme complementa ao programa Innterconecta no traballo que está a desempeñar a Xunta a prol dunha innovación aberta.

Entre ambas actuacións, estanse a mobilizar máis de 250 millóns de euros en proxectos innovadores que contribúen a mellora competitiva do tecido empresarial ao sumar, ambos programas, máis de 500 empresas beneficiadas. n

Máis de 200 pemes galegas desenvolven proxectos innovadores no Conecta Peme